Terceira entrega da serie de pezas especiais nas que detallamos as propostas que presentan os nove partidos que se presentan a estas eleccións municipais do 28 de maio en Pontevedra. Detémonos, nesta ocasión, no programa económico dos alcaldables.
Que camiño debe emprender Pontevedra para crear emprego? En que sectores deben centrarse os esforzos para que a cidade creza e atraia máis poboación? Por que modelo económico apostan os candidatos e candidatas á Alcaldía?
BNG
- Implementar e afortalar a posta en marcha da primeira aceleradora de economía social de Galicia que se prevé instalar no antigo conservatorio e que ten como obxectivo xerar emprego no ámbito da cultura, a innovación e a creatividade, dotando de ferramentas e da formación necesarias a empresas e particulares que queiran desenvolver o seu negocio neste ámbito.
- Xerar valor engadido e dinamización económica e social a través da organización ou colaboración coa celebración de congresos en ámbitos de interese para a cidade
PP
- Creación dun plan de apoio a emprendedores e empresas: pódese ofrecer asesoramento personalizado aos emprendedores para que poidan desenvolver as súas ideas de negocio e levalas a cabo. Tamén se poderían ofrecer incentivos fiscais ás empresas que contraten a traballadores e traballadoras locais que participasen nestes programas de formación. Desta maneira, poderíase mellorar a empregabilidade dos cidadáns e cidadás e á súa vez impulsar o desenvolvemento económico local.
- Creación dun hub tecnolóxico, unha contorna que promova a aposta e instalación deste sector na cidade.
PSdeG-PSOE
- Hostalería como motor da cidade. De acordo co sector, axilizaranse e simplificaranse as licenzas de actividade, solicitando á Xunta de Galicia a súa adaptación á realidade e aos modelos de negocio actuais. Potenciarase a formación e crearase un selo de sustentabilidade, ademais de facilitar a actividade e potenciar as iniciativas dun sector que ten que ser un dos principais motores económicos do municipio.
- Centro de Interpretación do Camiño Portugués a Santiago. Crearase este centro co obxectivo de consolidar a Pontevedra como capital do Camiño Portugués, impulsando estudos e eventos que favorezan a chegada de máis visitantes e permitan potenciar aínda máis o camiño como motor económico do concello.
Cidadáns
- Desenvolver unha regulación sobre a vivenda turística, promocionando o uso dos baixos comerciais para esta finalidade.
- Xeración de enerxía barata para incentivar a actividade económica e potenciar as empresas con responsabilidade social.
Podemos
- Remunicipalizar os servizos privatizados (tan só o lixo e a auga consumen o 20% do orzamento do Concello), subrogando ao persoal das contratas e incrementando o emprego público e de calidade, ademais do traballo xenerado pola economía circular relacionada (ecodeseño e reciclaxe, reparación e reutilización)
- Sinerxias co mercado municipal e a escola de hostalería para a alimentación de proximidade nos centros de día e nas escolas (cociñas municipais)
VOX
- Aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Urbana para aumentar a bolsa de solo industrial e edificable para vivendas.
- Coordinar cos concellos limítrofes políticas conxuntas urxentes de atracción de industrias transformadoras nos solos industriais actualmente dispoñibles e en polígonos proxectados como o de Fragamoreira.
Pontevedra Alternativa
- Fomentar o crecemento da industria local coa baixada de impostos e coa autopromoción do solo industrial.
- Atraer industria foránea relacionada cos sectores potentes na cidade. Establecer conversas coas empresas actuais e atraer socios comerciais dos mesmos (clientes ou provedores) para o seu establecemento na cidade. Integrar verticalmente as nosas industrias locais pode xerar miles de postos de traballo.
Espazo Común
- Maior axilidade na concesión de licenzas para aperturas de novos negocios.
- Igualdade de oportunidades á hora de contratar empresas no Concello.
PACMA
- Incentivar a creación de empresas locais ofrecendo incentivos fiscais e financeiros ás empresas que se establezan na localidade e contraten a traballadores locais, programas de formación e capacitación aos traballadores locais para mellorar as súas habilidades e coñecementos
- Apoiar aos emprendedores locais ofrecendo axudas e asesoramento para que poidan crear as súas propias empresas e xerar emprego na localidade.