28M | A Pontevedra que propoñen: cultura

Pontevedra
17 de maio 2023

A cultura foi sempre un dos piares da vida diaria da cidade de Pontevedra. Por iso, neste repaso que estamos a realizar polos programas electorais dos partidos que se presentan ás municipais do próximo 28 de maio, debía ter un lugar destacado

Exposición no Museo de Pontevedra Mónica Patxot

A cultura foi sempre un dos piares da vida diaria da cidade de Pontevedra. Por iso, neste repaso que estamos a realizar polos programas electorais dos partidos que se presentan ás municipais do próximo 28 de maio, debía ter un lugar destacado.

Os candidatos e candidatas debullan as súas principais propostas en materia cultural, entre as que figuran novos equipamentos, o impulso ás festas patronais ou a necesidade de fomentar a cultura local, apoiando aos novos creadores. Estas son as súas medidas máis importantes.

 

BNG

  • Novo auditorio ao aire libre de Pontevedra de ubicado no Parque do Miradoiro de Pontevedra, dotado dos máis avanzados medios técnicos para que Pontevedra poida dar un salto de calidade na súa programación cultural e de eventos tanto públicos como privados.
  • O museo nacional de Galicia: o Museo de Pontevedra sempre debeu ser o museo nacional de Galicia por historia, por fondos, por instalacións e por traxectoria. A integración do convento de Santa Clara é a mellor oportunidade para este avance que precisa da implicación de todas as administracións, Concello, Deputación, Xunta e Estado.

 

PP

  • Crear un programa de apoio á cultura local: Pódese desenvolver un plan de fomento da cultura local que inclúa axudas económicas e técnicas para artistas, organizacións culturais e eventos. 
  • Fomentar a participación cidadá na cultura: Pódese impulsar a creación dunha rede de voluntarios culturais, con formación específica nos diferentes ámbitos da cultura, para colaborar na organización de eventos e actividades culturais na cidade. Pódese promover a implicación da cidadanía na organización de festivais e eventos culturais, como o Festival de Jazz ou a Festa da Peregrina, fomentando a creación de comités organizadores e grupos de traballo.

 

PSdeG-PSOE

  • Pontevedra, un fervedoiro cultural. Pontevedra volverá formar parte dos circuítos culturais nacionais e internacionais, con grandes concertos e actividades de diferentes disciplinas, pero fomentando, en igual medida, a cultura local, a nosa canteira cultural, apoiando iniciativas que transformen a cidade e dando pulo a artistas e creadores de aquí. Impulsaremos o emprego e as industrias culturais, procurando a colaboración coas Facultade de Belas Artes e Comunicación e coas empresas vencelladas ao sector cultural.
  • Novos equipamentos: Procurarase un acordo cos propietarios que permita a transformación da praza de touros nun espazo polivalente que acolla grandes eventos musicais, culturais ou deportivos ao longo de todo o ano. Crearemos, ademais, no vello edificio de Facenda (San Francisco) a Fábrica de Cultura, un espazo polivalente ao servizo dos artistas e a cultura local, que conte cun auditorio de capacidade media, unha caixa de teatro desmontable, sala de ensaio para corais ou grupos teatrais e de música, oficinas de empresas culturais, servizos xerais de cafetería, administración, etc., ademais de oferta formativa para mellorar a cualificación dos profesionais do sector cultural.

 

Cidadáns

  • Centros multiusos de convivencia, pequenos anfiteatros onde en coordinación cos principais axentes culturais da cidade se permita potenciar o talento artístico do nosos cidadáns para desfrute das familias.
  • Novas festas: Festa da Vida (Non do Demo) 23 agosto, Festa da Luz 18 abril 1888, Festa da Familia (15 de mayo), festas deportivas que potencien a actividade física e vida saudable.

 

Podemos

  • Santa Clara como centro de ocio e integración interxeracional e multicultural
  • Promoción da lingua galega desde a escola infantil

 

VOX

  • Potenciar as nosas festas patronais e de verán, con contidos culturais de calidade a cargo de artistas de recoñecido prestixio nacional e internacional nos diversos espazos culturais (Pazo de Congresos, Praza de touros, Estadio de Pasarón, casas de cultura ou prazas públicas). 
  • Potenciar as actividades vinculadas ao Camiño de Santiago coa peregrinación ao Santuario das Aparicións (centenario en 2025).

 

Pontevedra Alternativa

  • Impulsar unha programación cultural propia de cada parroquia e barrio, baseándose nas súas tradicións e historia. O principal obxectivo é recuperar a súa identidade e esencia tras o paso dos anos.
  • Na actualidade Pontevedra carece de biblioteca municipal, obrigatoria por lei. A actual biblioteca pública non ten espazo para crecer e, ademais, non é competencia municipal. É preciso que a cidade dispoña dunha biblioteca 24 horas da nosa titularidade.

 

Espazo Común

  • Construción dunha biblioteca pública de titularidade municipal.
  • Sinalización e contextualización do noso patrimonio cultural e creación dunha páxina web para difundilo e promovelo.

 

PACMA

  • Promover a creación de espazos culturais. Apoiar a creación de espazos culturais como museos, galerías de arte, teatros, entre outras, para que os artistas locais teñan un lugar onde presentar os seus traballos. 
  • Incentivar a produción de contido cultural local creando un programa de incentivos para apoiar a artistas e creadores locais a través de fondos para financiar proxectos culturais como exposicións, concertos, obras de teatro, así como potenciar as novas tecnoloxías a través de programas para mozos, recoñecéndose así o carácter de Pontevedra como cidade tecnolóxica e cultural.