De afrontar unha nova experiencia en España para xogar na División de Honra Prata co Club Cisne Balonmán a vivir unha guerra no seu país.
É a historia de Yevhen Lysak, xogador ucraíno que empezou a tempada no club pontevedrés pero que terminou por regresar a Ucraína no mes de decembro tras case non poder participar co equipo cisneísta por unha aparatosa lesión no seu ombreiro. Por ese motivo tomou a decisión xunto á entidade deportiva de rescindir a súa vinculación para operarse na casa, á beira dos seus.
Agora, desde a cidade de Zaporiyia ao leste do país e próxima a unha das zonas quentes do conflito como é Donestk, Lysak narra aos seus ex-compañeiros a difícil situación na que se atopa, no medio dunha guerra que ninguén en Ucraína quere.
"Estamos a ser bombardeados agora", recoñecía o deportista ao fío das 21.00 horas deste domingo nunha conversación que foi compartida polo propio Cisne.
"Estou nun búnker. Os rusos voaron o noso aeroporto e unha fábrica", revelou sinalando que ese refuxio "está cheo. E son grandes".
Pendentes de Yevhen Lysak, o Cisne recoñeceu que no club están "consternados e impotentes tras as noticias que recibimos", lanzando un berro claro contra a guerra esperando "que todo este absurdo termine dunha vez".
Consternados e impotentes tras las noticias que recibimos de nuestro ex jugador Yevhen Lysak desde #Ucrania...¡Esperamos que todo este sinsentido termine de una vez! #Noalaguerrapic.twitter.com/2SKaNeE7ax
— Club Cisne Balonmano (@ClubCisneBalonm) February 27, 2022