Nova renovación no Pontevedra CF. O club fixo oficial esta tarde de venres a ampliación de contrato do mediocentro Yelko Pino.
O que foi o cerebro do equipo na recentemente finalizada campaña queda vinculado coa entidade de Pasarón para os dous próximos cursos.
O futbolista vigués chegou a Pontevedra o pasado verán despois de rescindir o seu contrato co Alxeciras co mercado de fichaxes xa pechado. Aínda que tardou uns días en poñerse en forma, en canto colleu ritmo de competición converteuse nunha das pezas imprescindibles no once do adestrador Ángel Rodríguez.
O metrónomo da maquinaria granate disputou un total de 31 partidos, todos salvo un como titular e anotou tres goles. Con todo, as estatísticas non reflicten o peso capital que o mediocentro tiña no equipo, pois polas súas botas pasaban todas as xogadas de ataque do Pontevedra.
Ademais, a súa chegada a Pasarón serviulle para reivindicarse como un futbolista de calidade e con futuro. Aos seus 25 anos, Pino pasara por cinco equipos desde que abandonou o filial do Celta. O granate era un dos seus últimos barcos para reengancharse ao fútbol profesional, colleuno e o Pontevedra aproveitouse dun extraordinario temoneiro para navegar cara á Primeira Federación.
Trátase da segunda renovación anunciada pola entidade de Pasarón. A principios de semana, o extremo e capitán do primeiro equipo, Álex González, confirmaba tamén a ampliación do seu contrato para as dúas próximas tempadas.