Yago Iglesias ve positivo o empate "no campo máis complicado da categoría"

Pontevedra
24 de novembro 2024
Actualizado: 16:35

O adestrador do Pontevedra recoñeceu na rolda de prensa tras o partido fronte ao Llanera que o seu equipo se adaptou ben e que o empate foi "xusto"

Yago iglesias, adestrador do Pontevedra CF Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol cedeu o liderado do grupo despois de empatar "no campo máis complicado da categoría".

O equipo adestrado por Yago Iglesias chegaba á cita consciente tanto da dificultade do desprazamento como do partido, condicionado en todo momento polas escasas dimensións dun terreo de xogo ao que costa adaptarse, especialmente cando "a nosa filosofía e a nosa maneira de xogar é outra".

En todo caso, o técnico cre que "o fixemos ben". O Llanera "é un rival que che leva ao límite e o que lle está pasando esta tempada é a falta de eficacia. Cando o analizas ves que xera moitas ocasións de gol", destacou.

Tamén o Pontevedra tivo as súas opcións para adiantarse no marcador durante os primeiros 15 minutos da segunda parte, pero faltoulle eficacia.

"O empate foi xusto", recoñeceu Iglesias, quen admitiu que os seus xogadores tiveron que cambiar a maneira de xogar en tan só catro días e despois de disputar dous partidos en Pasarón.

A pesar diso, "o equipo adaptouse ben. Voume contento co que fixo dentro das circunstancias, o que nos faltou foi marcar unha das que tivemos, pero cando un equipo cando está arriba non é capaz de gañar ou perde, búscanse problemas dentro do propio equipo".

A realidade esta vez é que "o Llanera fixo un bo partido e púxonos as cousas difíciles, por iso este punto valóroo positivamente. Neste tipo de partidos habitualmente adoitámolos perder e hoxe sacamos un punto", valorou.

Outro dos puntos que sacou en positivo Yago Iglesias foi a capacidade que ten o Pontevedra á hora de rotar aos seus xogadores.

"Sacamos seis xogadores diferentes aos do martes e cumpriron que dá xenio. Fixemos o que tiñamos que facer para gañar, agora temos que conseguir o tres puntos contra o Salamanca", sinalou.