Yago Iglesias, tras a vitoria ante o Salamanca: "Creo que o resultado é xusto; mesmo queda curto"

Pontevedra
30 de novembro 2024

Os granates están "contentos pola vitoria", aínda que "tristes" pola posible lesión de Cambil, que "non ten moi boa pinta". No segundo tempo, "foi o que habitualmente é o Pontevedra"

Yago Iglesias, en el partido entre Pontevedra e Salamanca Cristina Saiz

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, valorou a vitoria 3-1 ante o Salamanca, un rival que "é o que espérabamos", recoñeceu, e ante o que os granates deron a talla.

"Creo que o resultado é xusto; mesmo queda curto", valorou na rolda de prensa posterior ao encontro en Pasarón.

Iglesias lembrou que o Salamanca está en postos de playoff e é un equpo que "compite moi ben, sobre todo, lonxe do seu campo", de modo que "sabiamos da dificultade". E é que insistiu en que "si non me equivoco, é o seu primeiro partido que perden fóra de Salamanca, o cal fala do ben que o están facendo", sinalou.

Analizando o avance do partido, destacou que os granates fixeron "o máis difícil", porse por diante no marcador ao comezo do encontro. A partir de aí, considera que tiveron "un bos dez minutos seguintes ao gol", pero recoñece que "non acabamos de xerar o suficiente como para marcar o segundo".

Nese momento, chegou o empate e un intervalo de 10-15 minutos no que o Salamanca "dá un paso adiante". Tras o empate, "iguálanos tanto no marcador como a nivel de xogo e ímonos ao descanso", sinala.

Xa na segunda parte, lograron "volver outra vez ao plan de partido, a levalo onde nós queriamos", que era tentar, na medida do posible, facer que correse detrás da pelota.

Esa segunda parte, segundo o adestrador, "foi o que habitualmente é o Pontevedra" e sinala que están "contentos pola vitoria", aínda que "tristes" pola posible lesión de Cambil.

De momento, non teñen un diagnóstico, pero recoñece que "non ten moi boa pinta". O xogador entrou 10 minutos para dar consistencia defensiva cando o Salamanca estaba a xogar máis directo e lesionouse. Marcou o terceiro gol xa lesionado. "É algo inexplicable", considera o técnico granate.

A xogador nota unha molestia no xeonllo e teñen que valoralo. "Esperemos que sexa algo o mínimo posible, pero é a parte negativa do partido de hoxe", insistiu Iglesias.

O adestrador referiuse, a preguntas da prensa, ás decisións arbitrais. Moi cauto, lembrou que "non é nada fácil arbitrar", pero, a continuación, insistiu que "a nós é fácil arbitrarnos porque somos un equipo limpo".

"Aínda así, ímonos con moitos cartóns semana tras semana", lamentou, tras insistir en que este equipo busca "que se xogue o máximo posible, que a pelota estea en movemento o maior tempo posible", pero están xa "moi afeitos a perdas de tempo desde o primeiro momento, a cortar con moitas faltas ".