Yago Iglesias, sobre o peche do mercado: "Temos o filial en Terceira que nos permite non ter que gastar ou malgastar as fichas sub-23"

Pontevedra
01 de setembro 2023

"Se aparece algo do perfil sub-23 e que encaixe se valoraría, pero non o estamos buscando, esa é a realidade", afirmou o preparador granate horas antes do debut ligueiro do seu equipo o vindeiro domingo 3 de setembro fronte á Gimnástica de Torrelavega en Pasarón. Toño Calvo, única dúbida no Pontevedra

Yago Iglesias, nun adestramento do Pontevedra Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol conta as horas para estrear a nova tempada coa visita da Gimnástica de Torrelavega o vindeiro domingo 3 de setembro (19.00 horas) ao Estadio Municipal de Pasarón.

Faino no medio dos compases finais do mercado de fichaxes, que pecha este venres 1 de setembro aínda que seguirá aberto despois do límite para futbolistas que se atopen no paro. Nese sentido, no cadro granate, "aínda temos fichas dispoñibles en plantel, neste caso sub-23, as 16 sénior que hai que ter témolas ocupadas", lembrou na comparecencia previa ao choque o adestrador do primeiro equipo, Yago Iglesias.

Con todo "aparece algo do perfil sub-23 e que encaixe se valoraría, pero non o estamos buscando, esa é a realidade", recoñece o técnico.

Iglesias defende que "temos o filial en Terceira que nos permite non ter que gastar ou malgastar esas fichas sub-23", porque no segundo equipo "aínda sendo un recentemente ascendido a Terceira ten xogadores de moito nivel".

O que segue sen aclararse en todo caso é o futuro de Libasse Guèye, con contrato en vigo co club. "É algo que está a tramitar o club, o que está claro é que Guèye non está con nosnotros e eu teño que traballar cos que realmente están", respondeu Yago sobre un asunto que desvía aos despachos de Pasarón.

En canto ao primeiro rival en liga, a Gimnástica de Torrelavega, o adestrador granate espera a un bloque que "foi un dos equipos revelación o ano pasado, é un claro exemplo dos proxectos de continuidade", nos que todos os futbolistas coñécense á perfección. Ademais incorporaron bos xogadores dentro da categoría", polo que "seguro que nolo poñerán difícil".

Yago confía en ter a todo o plantel dispoñible para a cita, aínda que Toño Calvo é dúbida para o debut debido a unhas molestias que lle fixeron exercitarse os últimos días a menor ritmo que os seus compañeiros.