Yago Iglesias, sobre o CD Cayón: "Son un equipo moi perigoso. Non nos interesa un partido aberto"

Pontevedra
01 de febreiro 2024

O adestrador granate afronta o partido do domingo 4 en Pasarón confiado en seguir coa dinámica na casa ante un rival que define como "moi vertical e moi profundo, con xogo directo para os seus atacantes". Agarda que o tempo solleiro destes días mellore o estado do céspede pero recoñece que hai zonas do terreo de xogo con moita area e calvas.

Once do Pontevedra ante o Cayón na primeira volta
Once do Pontevedra ante o Cayón na primeira volta / Pontevedra CF

"Temos tres partidos na casa este mes. Para nós é fundamental", así afronta o mes de febreiro o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, que confía en lograr a vitoria no partido deste domingo 4 de febreiro en Pasarón, a partir das 17.00 horas, ante un adversario que se atopa na zona baixa da táboa, o CD Cayón.

Malia esa clasificación, Iglesias afirma que se trata dun equipo "moi vertical, moi profundo, con xogo directo para os seus atacantes". Lembra que na primeira volta, cando o club granate empataba no campo do equipo cántabro, eles mostráronse "cómodos" nun partido de ida e volta. "Son un equipo moi perigoso, máis aló do que diga a clasificación", admite o míster granate.

Recoñece que a marcha de Cañizo, o máximo goleador do CD Cayón, é unha baixa moi importante para o rival pero sospeita que na convocatoria entrarán os novos reforzos, Álvaro Santamaría e Edu Martínez, do conxunto que dirixe Luis Fernández.

Yago Iglesias analiza o equipo visitante lembrando que "non vai ser un partido fácil. Non nos interesa que sexa un partido aberto" e explica que "o seu mecanismo, a súa maneira de xogar practicamente segue igual. Estes equipos que están na zona baixa cando os analizas entendes como obtiveron bos resultados como en Valladolid ou noutros campos nos que llo puxo moi difícil aos seus rivais".

Admite tamén a súa preocupación polo estado do céspede de Pasarón: "a priori, parece que este tempo solleiro vaille ben. Aínda teñen que cortalo, pisalo, regalo un pouquiño" para engadir que "aínda non está nas mellores condicións. Hai zonas que teñen moita area e certas zonas que teñen algunha que outra calva. Confiamos en que con esta temperatura volva estar en boas condicións".

O calendario para este mes establece tres partidos no estadio pontevedrés e o adestrador mantén a súa confianza no club para que o traten de forma "rápida e adecuada" para que se manteña nas mellores condicións para os seguintes encontros.

O adestrador sinala que os números mostran que o Pontevedra C.F. é o mellor visitante durante o campionato, pero incide en que "volvemos xogar na casa e hai que sumar na casa. Temos tres puntos máis que na primeira volta a estas alturas" e para manter esta progresión considera necesario seguir coa "boa dinámica en casa, que nos fará estar onde queremos estar ao final de tempada".

Iglesias terá que realizar reaxustes na zona defensiva pero afirma que está "moi tranquilo e convencido de que quen xogue vaino facer de marabilla". Admite que estuda diferentes opcións como a inclusión de Hermelo no once inicial ou adaptar a Churre para cubrir o oco na defensa provocado pola sanción de Mario Gómez por acumulación de cartóns amarelos.