Yago Iglesias, satisfeito a pesar da derrota contra o Coruxo: "Esta é a liña"

Pontevedra
03 de agosto 2023

"Ímonos contentos co traballo que o equipo fai no campo, ao final xeramos moitas ocasións de gol, hoxe non quixeron entrar, pero esta é a liña", defendeu o técnico granate tras o segundo amigable da pretempada

Primeiro adestramento do Pontevedra de Yago Iglesias Cristina Saiz

"Sempre queremos gañar pero ao final agora mesmo o resultado é secundario", defendeu Yago Iglesias tras o segundo amigable de pretempada do Pontevedra Club de Fútbol, que finalizou con derrota pola mínima no campo do Coruxo mercé a un penalti en contra nos últimos minutos.

"Xa vimos un ritmo máis alto en comparación coa semana pasada, contra un equipo da nosa liga. Ao final o resultado é un erro, un gol no último minuto pero creo que o nivel foi moi alto, as cousas que o equipo está a adestrar está a asimilalas ben", afirma o técnico granate.

A Iglesias o visto sobre o terreo de xogo do Vao empézalle a gustar, a pesar de que aínda falte traballo e axustes para lograr a mellor versión do que busca para o novo Pontevedra.

"Quedamos cos equipos das dúas partes que competiron ben e aos poucos van asimilando as ideas que temos e a verdade é que nos imos contentos co traballo que o equipo fai no campo. Ao final xeramos moitas ocasións de gol, hoxe non quixeron entrar, pero esta é a liña e seguro que iremos axustando cousas e o equipo cada vez competirá mellor", defende.

De feito, máis aló dos amigables de preparación, Yago pon unha cita para empezar a ver ao Pontevedra na súa versión máis seria, porque "imos ter un competición como a Copa Federación dentro dunhas semanas que aí si imos competir para pasar elminatorias".

O próximo partido na pretempada granate disputarase o vindeiro sábado 5 de agosto fronte a outro rival da súa categoría, o Racing Villalbés, na localidade lucense de Ribadeo.