Acompañado da presidenta Lupe Murillo e de Charles Días como representante da secretaría técnica da entidade. Así se presentou este luns Yago Iglesias como novo adestrador do Pontevedra Club de Fútbol. O técnico santiagués, que asina por unha tempada, aterra na Boa Vila xunto ao seu habitual segundo de a bordo, Álex Otero.
"Para min é volver a casa. Vivín nesta cidade moitos anos, estudei aquí, a miña formación como adestrador empezou nesta cidade. O primeiro club no que empecei a adestrar foi o Pontevedra Club de Fútbol na súa canteira, e 14 anos despois estou de volta para adestrar ao primeiro equipo neste proxecto tan ambicioso, tan novo", explicou Iglesias na súa intervención ante os medios de comunicación.
"A vinculación, nós traballamos sempre ano a ano, sabedes que o fútbol é moi volátil, pero a miña intención é estar moitos anos no club, é un proxecto que eu o vexo de crecemento mutuo", asegurou o preparador.
Yago non escapa da esixencia que se lle presupón ao novo proxecto deportivo granate, pero cos xogadores con contrato en vigor "hai unha base que creo que é moi sólida e forte para a categoría que imos estar", defende.
En canto ao que propoñerá o Pontevedra de Yago Iglesias "temos unha ideas, pero non son inamovibles. Gustaríame que o Pontevedra fose un equipo valente, propositivo, que saia sempre a gañar en todos os partidos", asegura, ao que se suma que "somos un corpo técnico que lle gusta traballar coa canteira. En todos os clubs que estivemos tiramos de xogadores de abaixo", algo que se reforzará con só unha categoría de diferenza.
Pola súa banda a presidenta Lupe Murillo defendeu que a chegada de Yago "creo que é unha aposta firme e decidida por facer un proxecto que teña estabilidade e éxitos a curto prazo. O club vai perseguir o ascenso a Primeira RFEF e estamos contentos que esta aposta por Yago se levara a cabo. Buscouse alguén que tivese experiencia na categoría, eso foi clave", explicou recoñecendo que "non era a primeira vez que o seu nome se puxo enriba da mesa".
Tamén Charles, con quen traballará de xeito conxunto para seguir perfilando o plantel da próxima tempada, sinalou que "para min e para a secretaría técnica é o adestrador ideal".
Na presentación de Yago Iglesias adiantouse ademais que o 17 de xullo é a data elixida en principio para volver aos adestramentos. Un día que o novo técnico granate xa espera con impaciencia.