Máis aló do triunfo por 1-3 fronte ao Juventud Cambados, o penúltimo amigable da pretempada foi valorado positivamente polo adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias.
"Viñamos do partido contra o Lugo no que xa un grupo de futbolistas, que entraron a última media hora, fixo 70 minutos e hoxe quixemos que a outra parte do plantel igualase minutaxe para entrar na última semana con máis dunha hora de ritmo competitivo", explicou o técnico desde o céspede do campo de Burgáns.
Yago restou importancia ao erro que supuxo o tanto local ao pouco de iniciarse o choque, xa que "o que imos adestrando cada semana en mobilidades, xogadas a balón parado, xerar ocasións e que non nos xeren viuse. Sabemos que é un rival de menor entidade, e puxéronse por diante no marcador nun erro puntual pero no cómputo global do partido non tiraron máis veces a portería e nós fixémolo varias, na liña do que queremos que sexa o equipo sobre todo a nivel colectivo".
O preparador granate destacou á súa vez os deberes que lle pon aos seus na recta final da pretempada, que "sigan afianzando a idea e que a nivel individual vaian collendo ese ritmo non tanto físico senón de fame, de ganas, de que a competición empeza e queremos facelo con bo pé".