Yago Iglesias: "Temos os pés na terra. Sabemos que somos un equipo de Segunda RFEF"

Pontevedra
10 de xaneiro 2025

O adestrador do Pontevedra pide ao seu equipo centrarse na liga para tentar prolongar o seu bo momento na visita ao campo do Real Valladolid Promesas (domingo, 16.00 horas)

Yago Iglesias, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

Aínda subido á burbulla de ilusión da Copa do Rei, e antes de recibir o Getafe en Pasarón, o Pontevedra Club de Fútbol regresa a fin de semana á súa realidade ligueira coa primeira xornada do ano na Segunda RFEF, visitando o Real Valladolid Promesas (domingo, 16.00 horas).

Trátase do actual sexto clasificado, con 26 puntos.

Yago Iglesias pide centrarse "no partido máis importante, que é o próximo", antes de deixarse levar pola emoción copeira, e é que se trata de tres puntos moi importantes para os granates antes de enfrontarse na casa de maneira consecutiva ao Compostela e ao seu inmediato perseguidor na táboa, o Numancia.

"Temos os pés na terra. Sabemos que somos un equipo de Segunda RFEF", asegurou este venres en rolda de prensa o técnico granate.

"Estamos a facer todo o posible para cada semana, cada xornada, achegarnos máis ao obxectivo de crecer dentro do fútbol español e estar noutra categoría o ano que vén, pero eu non vexo que haxa euforia, todo o contrario, o equipo está moi tranquilo, traballando moi ben tanto a nivel individual como colectivo", explicou.

De feito, defende Iglesias, "non hai nada que me chame a atención ou que me poida facer pensar ou sentir que o equipo vai perder o foco".

En canto ao próximo rival, o segundo equipo do Real Valladolid, "é un filial que ten moita continuidade. Non é un filial que opte por fichar moito de fóra, senón que teñen unha filosofía de tirar da xente da casa".

"Empezou un pouco titubeante a competición, pero agora mesmo está moi ben clasificado, con opcións de meterse no play-off. A nivel de xogo, evolucionou moito. O que pode ser un pouco o seu selo de identidade é a calidade individual dos seus xogadores, a súa capacidade para o xogo asociativo e combinativo", analizou Yago sobre o partido que se espera nos anexos do José Zorrilla.