Yago Iglesias: "Ímonos contentos co que o equipo fixo"

Pontevedra
12 de xaneiro 2025
Actualizado: 13 de xaneiro

"Polas circunstancias que se deron no partido, non perder cando te quedas cun menos é positivo", afirmou o adestrador

Yago Iglesias, no partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra Pontevedra CF

O técnico granate, Yago Iglesias, valorou de forma positiva o punto conseguido polo Pontevedra ante o Valladolid Promesas, sobre todo despois de quedar con dez xogadores.

"Polas circunstancias que se deron no partido, non perder cando te quedas cun menos é positivo", afirmou o adestrador, que recoñeceu que se vai amolado porque as ocasións máis claras foron do seu equipo.

Aínda que os de Lérez "fixeron o que tiñan que facer para sumar tres puntos", para Iglesias os culpables de non conseguilo foron o gardameta valisoletano e os paus, que se encargaron de augar a festa a un Pontevedra que, aínda que segue líder, desaproveitou o empate do Numancia ante o Compostela para pór terra polo medio na zona alta da clasificación.

Neste sentido, o técnico recoñeceu que aínda quedan moitas xornadas por diante e non está preocupado porque "seguimos igual que acabamos o 2024. Temos que pensar en nós e no seguinte partido, aínda que evidentemente sabendo que o Numancia picara viñamos con toda a intención de sumar de tres. Aínda así, ímonos contentos co que o equipo fixo".