Yago Iglesias, tras ser eliminado polo Getafe: "Estou tremendamente orgulloso do que fixemos"

Pontevedra
15 de xaneiro 2025
Actualizado: 23:26

O técnico granate asegurou tras a derrota en oitavos de final que "quedo co asubío final e como o Getafe celebrou o pase", algo que reflicte o gran nivel mostrado polo seu equipo

Yago Iglesias xunto a José Bordalás antes do Pontevedra-Getafe de Copa Mónica Patxot

"O equipo está amolado despois da derrota pero contento e orgulloso, creo que a palabra é orgullo". Así arrincaba Yago Iglesias a súa rolda de prensa tras a derrota en oitavos de final de Copa do Rei, pola mínima, ante todo un Primeira División como o Getafe.

Mostra do nivel mostrado polo seu equipo é que o técnico granate asegurou que "quedo co asubío final e como o Getafe celebrou o pase", un reflexo do difícil que llo puxo o Pontevedra,

"Eu voume moi contento co equipo, estou tremendamente orgulloso do que fixemos", afirmou sobre unha traxectoria na que superaron a Levante, Villarreal e Mallorca.

En canto ao desenvolvemento do encontro "é un xerro de auga fría que marquen no minuto un, pero a partir de aí no cómputo xeral non tiraron ningunha vez máis e nós tivemos tres moi claras, a de Xabi, a de Iago e a de Héctor", analizou Yago.

"Seguramente nunha eliminatoria anterior teríamos metido o primeira pero hoxe non quixo entrar. Isto é fútbol e ao final o que conta son os goles", afirmou.

O preparador granate revelou que os xogadores "a sensación que teñen é que lle competiron cara a cara a un equipo de Primeira División", e con iso queda.

Tamén cun listón de esixencia que subiu coas grandes actuacións en Copa, e é que pensando agora na liga "a partir de agora sabendo que o equipo pode dar este nivel, hai que esixirlle este nivel", sinalou.

Un gran broche á traxectoria na Copa do Rei, que foi "algo moi bo, bonito, gozámolo moitísimo", finalizou o adestrador do Pontevedra.