O Pontevedra Club de Fútbol goleou este domingo ao CD Cayón en Pasarón, pero a realidade que se viu no terreo de xogo foi que ao equipo granate custoulle gañar pero tirou de oficio para facerse cos tres puntos.
"Na primeira parte tivemos moito balón pero non estivemos precisos para xerar as ocasións de gol", analizou o técnico Yago Iglesias. "Neses seis minutos de engadido temos unha relaxación que acaba co gol deles, pero na segunda entramos máis activados e verticais e somos capaces de meter o 2-1".
O partido foi de ida e volta e o mérito diso tívoo o equipo rival, que "transita moi ben, ten xente poderosa no xogo directo e no momento que non tes o control de xogo xérache ocasións", causando serios problemas a un equipo granate que empezou a ver resultados a raiz dos cambios.
"Os partidos hai que maduralos e ás veces gáñanse no 90", explicou Iglesias, por iso "máis aló de quedarnos coa idea de que os goles foron no tempo final, quedo con que o equipo busca gañar ata o último momento".
"Son o primeiro que quere gañar todos os días, pero son consciente dos rivais que hai diante. Imos contentos co resultado e os tres puntos, pero hai cousas que puír", asegurou.
En canto ao regreso de Guèye ás filas do primeiro equipo, Yago Iglesias só tivo palabras positivas sobre o xogador. Ten "características de muchísmo nivel e permítenos facer o que fixemos na segunda metade, que rompe o partido e xogamos de ti a ti", destacou.
Neste sentido, o técnico remarcou que o senegalés "é un mozo moi novo. Non sei o que pasou a tempada pasada, pero a xente comete erros. Desde que se reincorporou demostrou que está ao 100%, o club está contento con el, o que rendeu ata o de agora é dun altísimo nivel e pode achegar cousas no primeiro equipo", sentenciou.