Xunta e Universidade de Vigo, da man para converter o CGTD nun centro integrado de alto rendemento

Pontevedra
05 de decembro 2024
Actualizado: 15:39

O acordo suporá a colaboración entre os departamentos científicos e de investigación da Universidade e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) Mónica Patxot

Acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para impulsar a actividade do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o reitor universitario, Manuel Reigosa, rubricaron este xoves un convenio para o desenvolvemento de actuacións que redunden en beneficio do deporte en Galicia e da comunidade universitaria galega durante o próximos catro anos.

Trátase dun paso máis dentro do obxectivo de converter o CGTD nun centro integrado de alto rendemento.

Este acordo, explicaron os implicados, suporá unha estreita colaboración entre os departamentos científicos e de investigación da Universidade e o CGTD, axudando tanto aos adestradores como aos deportistas a conseguir os seus obxectivos de rendemento.

Convenio de colaboración entre Xunta de Galicia e Universidade de Vigo Universidade de Vigo

Este é de feito un dos requisitos do Consello Superior de Deportes para a clasificación do centro pontevedrés como Centro Especializado de Alto Rendemento.

O convenio permitirá, entre outras actividades, o intercambio de espazos entre o Campus de Pontevedra e o CGTD, así como a colaboración en ciencia e investigación.

Deste xeito tentarase mellorar na planificación, seguimento e control do adestramento físico, biomecánico e psicolóxico dos deportistas.

Ademais colaborarase tamén na elaboración e intercambio de publicacións e traballos de investigación no deporte; na organización de actividades académicas e deportivas; e nas prácticas curriculares ou preprofesionais para deportistas do centro de tecnificación pontevedrés.