A Xunta anuncia o inicio da ampliación do CGTD para convertelo nun Centro de Alto Rendemento

Pontevedra
24 de outubro 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a consignación de 500.000 euros para dar os primeiros pasos na ampliación do CGTD dentro dun plan de investimento total de 22 millóns

Instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)

Converter o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra nun Centro de Alto Rendemento (CAR).

É o obxectivo que se marca a Xunta de Galicia, e en 2025 dará os primeiros pasos para avanzar cara a esa meta.

Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia para explicar as contas do seu departamento para o próximo ano.

No que respecta ao deporte, o goberno autonómico consignou 500.000 euros para dar os primeiros pasos na ampliación e conversión do CGTD nun CAR.

Engade a consellería que o plan de investimento total nos próximos anos para conseguilo sitúase nos 22 millóns de euros.

Cabe destacar que, segundo explica a Xunta, Galicia conta actualmente con 1.335 deportistas de alto nivel, e esta actuación permitiría centralizar en Pontevedra aínda máis a excelencia deportiva nun mesmo recinto.

Outra das metas que se expón o goberno galego con esta actuación é poder atraer a deportistas nacionais e internacionais para que adestren no CGTD.

O investimento total da administración autonómica na promoción do deporte, segundo os orzamentos presentados, será de 589,5 millóns de euros durante o próximo ano 2025.