Hai momentos que marcan a carreira dun deportista e o que protagonizou a arousá Jéssica Bouzas en Wimbledon podería ser perfectamente un deles. O seu foi o debut soñado en torneo londiniense. Eliminou en primeira rolda á vixente campioa.
Bouzas, que debutou este martes na pista central, derrotou á checa Marketa Vondrousova, actual número 6 do mundo, por 6-4 e 6-2. É a primeira gran sorpresa en Wimbledon.
A aurosana, con todos os prognósticos en contra e sen nada que perder, deixou xeada á defensora do título, que se viu incapaz de aguantar os intercambios, de apoiarse no seu servizo e de atopar o torrente de puntos gañadores cos que reinou sobre a herba hai un ano.
O partido comezou de cara para Jéssica Bouzas, que aproveitou a súa primeira bóla de 'break' para poñerse 2-0. A vantaxe durou pouco, pero Vondrousova, que chegaba a Londres recentemente recuperada dunha lesión, non puido facer nada ante o empuxe da galega, que non baixou os brazos e logrou levar o primeiro set.
Tras dominar esta primeira manga, o normal é que o seu rival reaccionase, pero non foi así. A esperanza para a xogadora checa durou pouco. O tempo que pasou entre que rompeu por primeira vez a Vondrousova, esta devolveulle a rotura e a galega recuperou o 'break'.
A partir de aí, non houbo máis historia. Bouzas non deixou que se escapase nada máis. Pechou o partido cun golpe paralelo espectacular que bicou a liña e púxose a chorar no seu banco. Na bancada saltaba de alegría a súa familia e Anabel Medina, presente.
"É un dos momentos máis importantes da miña vida e da miña carreira. Isto é incrible", dixo Bouzas, que asegurou que "estou sorprendida comigo mesma. Ao principio estaba nerviosa, logo pasóuseme, estaba cómoda aquí. Estaba como na casa".
En segunda rolda, a de Arousa enfrontarase á española Cristina Bucsa ou a romanesa Ana Bogdan.
A que logrou contra Marketa Vondrousova é a súa primeira vitoria nun Grand Slam e o seu primeiro triunfo contra unha xogadora situada no top 10 mundial. É ademais, a primeira tenista que derrota á vixente campioa de Wimbledon en primeira rolda desde 1994.
Este foi o punto que lle deu a vitoria no seu su debut en Wimbledon.