Volve a Subida a Ponte Caldelas con 77 coches inscritos na proba

Ponte Caldelas
07 de setembro 2023

Todo está a punto xa para celebrar a sexta edición da Subida a Ponte Caldelas, unha proba incluída no campionato galego de montaña que se desenvolverá ao longo desta fin de semana no municipio, entre o sábado 9 e o domingo 10 de setembro

Presentación da VI Subida a Ponte Caldelas

Todo está a punto xa para celebrar a sexta edición da Subida a Ponte Caldelas, unha proba incluída no campionato galego de montaña que se desenvolverá ao longo desta fin de semana no municipio, entre o sábado 9 e o domingo 10 de setembro.

A organización prevé a participación de 77 vehículos, o que converte a esta carreira nunha das máis multitudinarias de todo o circuíto de montaña.

A Subida a Ponte Caldelas repetirá percorrido e os coches sairán do propio casco urbano, dende a estrada do balneario. Atravesarán a PO-244 (estrada Ponte Caldelas-Soutomaior) e ascenderán por Rebordelo pola EP-0201 ata rematar na estrada que une Rebordelo e A Esfarrapada.

As verificacións técnicas terán lugar no recinto do CEIP Cordo Boullosa, mentres que o parque de custodia será na Praza de España.

Tras as primeiras comprobación dos coches, a carreira comenzará o sábado 9, ás 13:30 horas, desde a estrada do balneario. Primeiro desenvolveranse os adestramentos oficiais e, a continuación, terán lugar a primeira e a segunda manga. 

Na xornada do domingo as probas darán comezo ás 9.30 horas, cos adestramentos oficiais e a terceira e cuarta manga.

Unha vez rematadas as probas os vehículos volverán ó parque de custodia da Praza de España, onde terá lugar a rolda de prensa cos tres primeiros clasificados e a entrega de trofeos.

A aficción ao mundo do motor é máxima en Ponte Caldelas, polo que o Concello agarda que esta fin de semana haxa unha importante afluencia de público para asistir a unha proba automobilística que é xa unha referencia en toda Galicia.