O Pontevedra Club de Fútbol mira con ilusión cara ao sorteo de segunda rolda da Copa do Rei que se celebrará este mércores 27 de novembro, no que espera emparellarse cun equipo de Primeira División.
Con todo, veñen de novo problemas cos horarios, como sucedeu co encontro fronte ao Levante e que ocasionou polos seus adiamentos que se movesen os encontros de liga fronte a Coruxo primeiro e Bergantiños despois.
Pois ben, os granates xogarán esta semana o domingo 1 de decembro fronte ao Salamanca CF UDS no Estadio Municipal de Pasarón, ás 17.00 horas, e segundo deron a coñecer este martes o seu seguinte partido de liga fixouse para o sábado día 7.
En concreto será a visita ao campo do CD Laredo, o 7 de decembro ás 18.00 horas no campo de San Lorenzo.
Todo iso tendo en conta que o partido de Copa do Rei tense que disputar entre os días 3 e 5 de decembro.
No Torneo do K.O. as televisións con dereitos teñen moito peso na decisión dos horarios, e de fixarse a eliminatoria para o martes 3 ou o xoves día 5 deixaría apenas 48 horas de marxe ou mesmo menos aos granates para o descanso, tal e como esixe a normativa da Real Federación Española de Fútbol.
É por iso que será necesario de novo estar moi fino ou mover algún dos encontros previstos, unha opción que sobrevoa o ambiente.
Tras o sorteo que se celebrará na Ciudad del Fútbol de Las Rozas poderase saír de dúbidas.