Despois do parón na Terceira División pola celebración da XII Copa Rexións UEFA a fin de semana pasada, o Arosa regresaba á competición coa intención de resarcirse da derrota sufrida na última xornada ante o Compostela por 2 goles a 0.
Ante o atraso na evolución das obras da bancada do campo da Lomba, o Arosa volvía xogar en casa, pero esta vez en Vilaxoán frente ao Barco.
En canto ao enfrontamento, a primeira parte estivo igualada para ambos os conxuntos, gozando ambos das mesmas oportunidades. As mellores ocasións dos valdeorreses foron a balón parado. A primeira cunha falta desde a frontal que atallou Manu Taboas sen problemas, e a segunda, unha falta escorada invalidada por fóra de xogo.
Pola súa banda, o Arosa buscaba o gol con balóns aéreos que achicaban sen problema os de Ourense, ata o minuto 33 no que tiveron a mellor ocasión co lanzamento dunha falta desde a frontal que rozou a cruceta por fóra.
Quedaban 5 minutos para chegar ao descanso e o Barco volvía ter unha falta na frontal que podía inclinar a balanza ao seu favor, pero o disparo estrelouse na barreira.
Despois do paso polo vestiario e co 0-0 no marcador, todo estaba por decidir. Os visitantes saían a por todas, e no minuto 54 Manu Táboas tivo que facer a súa mellor intervención para enviar o balón a córner despois dun man a man ante Pison.
Seguía o empate e o árbitro pitaba un penalti a favor do Arosa despois dunha derriba dentro da área dun xogador valdeorrés no minuto 60. Pedro Beda non perdoaba, e inauguraba o marcador desde os 11 metros.
Tras o gol, os locais querían máis. O segundo tanto chegaba no minuto 77 cun zurdazo cruzado de Javi Otero que acabaría rozando o pau e alcanzando a portería do Barco. O Arosa puido sentenciar cun terceiro gol, pero o tiro deu no traveseiro e volveu ao chan, reclamando gol pantasma que o árbitro non viu.
Finalmente, no minuto 89 os de Ourense recortaban distancias cun gol de Juanito tras o rexeite dunha falta perigosa.
Con este resultado, o Arosa segue en cuarto lugar con 29 puntos, cinco menos que o Barco que está situado en terceira posición.
Consulta a acta do Arosa-Barco na seguinte ligazón.