Vitoria cómoda do Cisne sobre o Ibiza para seguir soñando co ascenso (25-32)

Pontevedra
30 de abril 2022

O ascenso a Liga Asobal está un banzo máis preto para o Club Cisne Balonmán, que empezou a segunda volta da fase de promoción da mellor forma: con vitoria cómoda en casa do Ibiza (25-32)

Partido de División Honra Prata entre Cisne e Ibiza Cristina Saiz

O ascenso a Liga Asobal está un banzo máis preto para o Club Cisne Balonmán, que empezou a segunda volta da fase de promoción da mellor forma: con vitoria cómoda en casa do Ibiza (25-32).

Con protagonismo de defensas e porteiros comezou o partido entre Ibiza e Cisne, que se mantivo ata o minuto 8 cun escaso 1-1. Rompeu a seca Samu Pereiro, que deu paso a un parcial de 3-0 por parte dos locais para deixar en cadro aos brancos, que non atinaban para portería (4-1).

Apareceu a tempo Bruno Vázquez e o Cisne enchufouse para, mesmo cun menos na cancha, igualar a contenda. E non só iso, senón que pasaron a disputar os seus mellores compases, colocando un parcial de 6-9 que obrigou ao técnico ibicenco a pedir o primeiro tempo morto.

Non deu resultado no seguinte ataque, de feito os de Jabato ampliaron a súa renda en ata catro goles, un espellismo do que viría. E é que o Ibiza reapareceu para recortar distancias en ata un gol (9-10), pero a exclusión de Pablo Castro devolveu os dous goles de renda a un Cisne que se mantivo co marcador ao seu favor, pola mínima, ata alcanzar o descanso (13-14).

Puxo terra polo medio o cadro pontevedrés nada máis regresar dos vestiarios, que saíu en grao sumo enchufado para non fallar nos seus ataques e abrir así cada vez máis marxe no marcador (14-19).

Seguiron pasando os minutos e a renda favorecía ao Cisne, que se atopaba cómodo e aferrábase á súa fortaleza defensiva 5-1 para frear as chegadas dun Ibiza que non conseguiu reducir distancias ata pasado o ecuador do segundo acto (19-23).

E a partir de aí chegaron os mellores minutos dos locais, que empezaron a recuperar balóns en defensa e a transformar as súas chegadas en goles para obrigar a Jabato a pedir tempo morto (22-24).

Deu coa tecla o adestrador branco, logrando frear a seca anotadora dos seus, que sumado a unha parada de Franzini e a unha falta en ataque do Ibiza, devolvían a renda de catro goles ao seu favor cando só quedaban cinco minutos para o final (22-26).

Pelexaron os locais cada balón coa intención de dar a volta ao marcador e conseguir a vitoria, pero o Cisne, liderado polos habituais Álex Chan e Carlos Álvarez, con sete e seis goles cada un, sentenciou na recta final por un máis que importante 25-32 que demostra as ganas dos pontevedreses de conseguir ese ansiado ascenso a Liga Asobal.