Visita granate a El Sardinero 43 anos despois

Pontevedra
10 de outubro 2015

Luisito introduciu cambios nos 16 xogadores que leva a Santander. Tres son as novidades na convocatoria granate, coa entrada na lista de Pablo Carnero, Anxo e Pedro García en lugar de Miki, Tomás e Tubo, que quedan fóra xunto a Queijeiro, Pablo e Miguel

Capi e Campillo adestrando en Pasarón Mónica Patxot

Son dous históricos do fútbol español, aínda que en horas baixas. Con todo, Rácing de Santander e Pontevedra, a pesar da súa longa traxectoria en categorías nacionais, unicamente coincidiron na mesma categoría en cinco ocasions e o balance deses cinco enfrontamentos en terras cántabras non é moi positivo para os granates, que sempre visitaron El Sardinero estando en Segunda División e da última visita ligueira sepárannos xa nada menos que 43 anos.

Tres vitorias locais e dous empates, é o balance deses enfrontamentos entre ámbolos dous equipos, o primeiro o 21 de abril de 1963 (vitoria local por 2-1) e o último o 26 de novembro de 1972 (tamén con triunfo santanderino por 1-0), mentres que os dous empates conseguidos polo Pontevedra ante o Rácing, foron ambos co mesmo resultado (1-1).

Será, por tanto, o primeiro partido entre Rácing e Pontevedra nunha categoría distinta da de prata. E tamén a ocasión para que os granates estreen a súa marcadora de triunfos ante os santanderinos, rompendo a serie de resultados negativos a domicilio que o converten nun dos poucos equipos que aínda non puntuaron lonxe do seu estadio.

Pero non será fácil. O equipo que adestra Pedro Munitis comezou titubeante a súa andaina nunha competición na que parte como o máximo favorito, pero nas tres últimas xornadas conseguiu endereitar o rumbo cun empate e dúas vitorias, achegándose xa aos postos de honra.

O partido xogarase este domingo (17:00 horas) nos campos de Sport de El Sardinero, con arbitraxe do colexiado César Díez Cano (Castela-León), auxiliado nas bandas por Antonio Rodríguez Pérez e Gorka Mazo Maruri.

Os pontevedreses adestraron na mañá deste sábado en Pasarón, emprendendo viaxe ás 14,15 horas, para chegar a Santander a última hora da tarde.

Luisito introduciu cambios nos 16 xogadores que leva a Santander. Tres son as novidades na convocatoria granate, coa entrada na lista de Pablo Carnero, Anxo e Pedro García en lugar de Miki, Tomás e Tubo, que quedan fóra xunto a Queijeiro, Pablo e Miguel, co que os xogadores que se desprazan a terras cántabras son: Edu, Lloves, Campillo, Capi, Bruno, Adrián, Álex Fernández, Mouriño, Pedro García, Kevin Presa, Jacobo, Anxo, Verdú, Jandrín, Borjas e Pablo Carnero.

Finalmente o Pontevedra non estará só no Sardinero ao conseguir completar a peña Mocidade Granate un autobús de afeccionados que se desprazará o mesmo domingo ás 3:00 horas da madrugada para regresar unha vez terminado o encontro.