VÍDEO.- 'Todo ao Granate', campaña de socios do Pontevedra CF con rebaixa xeneralizada de prezos

Pontevedra
06 de agosto 2021

O Pontevedra Club de Fútbol presentou este venres a súa nova campaña de abonados para a tempada 21-22, que se activará a partir do próximo martes 10 de agosto. O club acompañou a campaña cun emotivo vídeo protagonizado por seguidores e persoas relacionadas coa entidade

Presentación da campaña de abonados do Pontevedra CF 21-22 Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol presentou este venres a súa nova campaña de abonados para a tempada 21-22, unha campaña "muy ilusionante en la que el club y la ciudad vamos a apostar todo al granate", sinalou e director xeral da entidade, Marcos Del Río.

Precisamente ese 'Todo ao granate' é o lema escollido para un ano que se caracteriza por unha baixada xeneralizada nos prezos dos carnés.

"Es una bonificación especial para los socios que el año pasado renovaron su abono aún sabiendo que seguramente no iban a poder venir a casi ningún partido", sinalou Del Río mostrando o agradecemento do consello de administración.

Así, as renovacións para o público sénior terán un custo de 200 euros na bancada de Tribuna, 130 euros en Preferencia, 80 euros no Fondo Norte e 75 euros no Fondo Sur. Os bonificados pola súa banda (desempregados, xubilados, estudantes, persoas con incapacidade laboral ou peñas) fixáronse en 130 euros en Tribuna, 80 euros en Preferencia, 60 euros en Norte e 55 euros en Sur. Por último os abonos de menores de 7 a 17 anos custarán 40 euros en Tribuna, 35 en Preferencia e 30 nos fondos.

No que respecta a as novas altas de socios, os prezos serán de 220 euros en Tribuna, 160 euros en Preferencia, 110 euros en Norte e 100 euros en Sur, fixándose os bonificados en 140, 90, 70 e 65 euros  respectivcamente e a categoría xoven en 75, 50 e 40 euros. O carné 'baby' mantense pola súa banda en 10 euros.

Ademais o Pontevedra estrea a categoría 'Diáspora granate', pensado para aqueles afeccionados que acrediten a súa residencia fóra de Pontevedra pero queiran manter o seu número e antigüidade como socios. Terá un custo de 50 euros.

Tamén se manterá a categoría 'Corazón granate' estreada o pasado ano para maiores de 65 anos e xubilados que non vaian acudir ao campo dada a situación actual. Esta categoría amplíase e fixouse en 85 euros en Tribuna, 65 en Preferencia e 50 euros nos fondos.

Os abonos poderanse comezar a retirar nas oficinas do club, no Estadio Municipal de Pasarón, a partir do próximo martes 10 de agosto.

VÍDEO PROMOCIONAL

A presentación da campaña de socios veu acompañada dun emotivo vídeo promocional, elaborado por Volvemos a Primera Producciones Audioviduales e que conta coa participación de seguidores e persoas vinculadas co club. Tres xogadores prestan tamén a súa voz ao 'anuncio', futbolistas como Charles, Álex González e o canteirán Iñaki.