VÍDEO.- Recepción ao Pontevedra na Xunta de Galicia: "Oxalá que o ano que vén esteamos a celebrar outro ascenso"

Pontevedra
18 de maio 2022

O recentemente nomeado presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mostrouse orgulloso de "recibir o equipo da miña cidade", e mostrouse convencido de que o ascenso a Primeira RFEF "é un primeiro chanzo que non era nada fácil pero a partir de agora ábrense novos retos". A recepción no Pazo de Raxoi é o primeiro dos actos previstos como celebración do salto de categoría

Recepción ao Pontevedra na Xunta de Galicia tras o seu ascenso a Primeira RFEF

Primeiro acto oficial de celebración polo ascenso a Primeira RFEF do Pontevedra Club de Fútbol, coa recepción oficial brindada pola Xunta de Galicia no salón nobre do Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

Ata alí desprazouse o plantel granate acompañado do corpo técnico, director deportivo e membros do Consello de Administración encabezados pola presidenta Lupe Murillo.

Era un dos primeiros actos oficiais de Alfonso Rueda como presidente autonómico tras o seu recente nomeamento, polo que o máximo representante da Xunta mostrouse orgulloso de "recibir o equipo da miña cidade".

Rueda destacou "a miña paixón e o orgullo que sinto por que o equipo da miña cidade siga progresando", defendendo que "estou seguro que isto é un primeiro chanzo que non era nada fácil pero a partir de agora ábrense novos retos"

De feito o presidente galego sinalou que "oxalá que o ano que vén esteamos a celebrar outro ascenso, porque eu creo que é posible".

Alfonso Rueda tivo ademais palabras cara á presidenta granate, Lupe Murillo, sobre a quen afirmou que "cando se empeña en algo, e cre de verdade en algo e quere que vaia para diante acaba indo e esta é a mellor mostra".

Tras esta recepción o Pontevedra Club de Fútbol continúa co calendario de celebracións, que lle levan leste mesmo mércores ao Museo MEGA de Estrella Galicia, un dos seus principais patrocinadores, e que terán continuidade o xoves cun novo acto oficial na Deputación de Pontevedra e o venres cunha homenaxe do  Concello de Pontevedra na Casa das Campás e unha ofrenda floral no Santuario da Virxe Peregrina, ademais dunha cea de despedida da tempada prevista no Hotel Campaniola.