VÍDEO.- Os tempos escuros do Pontevedra nos noventa, un exemplo de "Resistencia"

Pontevedra
13 de decembro 2021

O xornalista de PontevedraViva Ramiro Espiño relata o episodio de resistencia que protagonizaron os xogadores do Pontevedra na década dos noventa para evitar a desapación do club e sentar as bases dun futuro ilusionante nunha peza audiovisual enmarcada na campaña promocional de Estrella Galicia e a serie La Casa de Papel

Fotograma do vídeo promocional "Historias de Resistencia" de Estrella Galicia sobre o Pontevedra CF dos noventa PontevedraViva

O fenómeno da serie La Casa de Papel e a resistencia dos seus protagonistas seguen pegando forte. Un tirón que soubo aproveitar o principal patrocinador da serie, Estrella Galicia, para levar esta resistencia fóra da pantalla e contar particulares historias de resistencia como a vivida polo Pontevedra CF nos anos noventa.

Unha inabarcable débeda por unha nefasta xestión económica estivo a piques de facer desaparecer ao histórico equipo do Hai que Roelo, de non ser pola implicación dos xogadores, granates de corazón e nacemento, que asumiron as rendas da nave de Pasarón para sentar os cimentos dun equipo que unha década despois ía volver a saborear os meles do fútbol profesional.

Locutada polo xornalista de PontevedraViva Ramiro Espiño, co apoio do testemuño dun protagonista directo como Milucho, así como recortes de prensa e arquivos audiovisuais da época, a peza narra a caída e levantamento do club ao longo dos anos noventa.

"Polo día adestrabamos e pola noite poñiamos copas para pagarnos a próxima viaxe", relata Milucho citando a históricos futbolistas da historia do Pontevedra como Canabal, Rafa Sáez, Liño, Pablo Vázquez... "Sen a unión do plantel e os técnicos, hoxe en día non existiría o Pontevedra CF", asegura o adestrador daquela época.

É a demostración de que o "Pontevedra nunca se rende é moito máis que un cántico de Pasarón", engade Ramiro Espiño mentres, co Bela Ciao como pano de fondo e imaxes dos últimos ascensos logrados polo club, para concluír que a "Resistencia" granate continúa.