Como pode adestrar un boxeador sen saír da casa debido ao confinamento? Aarón González móstrao nun divertido vídeo compartido polos creadores do documental sobre a súa vida, titulado 'Devolviendo el golpe'.
"Non hai nada como a zapatilla dunha nai para practicar a velocidade e os reflexos!", sinalan sobre o exercicio no que o púxil marinense, todo un campión de España de boxeo, trata de esquivar os golpes da súa nai, Rosa, 'armada' cunha escoba e unha zapatilla de andar por casa.
O de Aarón é só outro exemplo máis de como as restricións impostas polo coronavirus obrigaron a tirar de imaxinación aos deportistas para seguir exercitándose.
O xornalista marinense Carlos Prado Pampín é o autor do documental Devolviendo el golpe, un traballo audiovisual que conta a historia de superación de Aarón González, a quen un atropelo cando tiña 10 anos estivo a piques de deixarlle nunha cadeira de rodas.