A ninguén se lle escapa a importante repercusión que tivo a fichaxe de Charles polo Pontevedra Club de Fútbol, despois dunha longa etapa en Primeira División e tras concluír a súa vinculación co Eibar. Non só a afección granate reaccionou con ilusión á noticia, senón que o seu impacto foi tal que ocupou espazo en moitos medios nacionais.
É pouco común que un futbolista aínda en plenitude decida baixar directamente de Primeira a Segunda División B, por iso o mítico programa El Día Después, de Movistar+, decidiu facer unha reportaxe o pasado domingo no Estadio Municipal de Pasarón para contar unha historia romántica no fútbol, das que escasean.
"He tenido ofertas muy buenas, suculentas, que la cabeza dijo, buff", recoñeceu ás cámaras o dianteiro brasileiro, lembrando que os seus compañeiros en Eibar dicíalle "estás loco" cando lle falaba dos seus plans.
Charles explicou que o confinamento foi un punto de inflexión na súa vida, porque "cuándo estábamos todos encerrados en casa me entró una tristeza que había que valorar cosas que yo ya no tenía hace tiempo, de estar cerca de los míos, y la verdad es que eso no se paga".
Agora, lonxe da elite, márcase novos obxectivos xa que "venir al club que te abrió las puertas y jugar en Primera sería la bomba", sinalou.
Ao final todo se resume nunha frase, "Pontevedra es mi casa", mantén o futbolista granate. Pois benvido de novo.