VÍDEO.- Brutal agresión nun partido de Terceira Futgal en Cotobade

Cerdedo-Cotobade
04 de novembro 2024
Actualizado: 17:32

O autor da agresión, identificado como futbolista non convocado do CFB Poio, foi expulsado "inmediatamente" polo seu club. A vítima, delegado do CED Cotobade, foi trasladada ao Hospital de Montecelo

Fotograma do vídeo da agresión durante o partido CED Cotobade-CFB Poio CED Cotobade

Bochornoso episodio de violencia o que tivo lugar este domingo 3 de novembro no campo das Extremas, en Cerdedo-Cotobade.

O delegado do conxunto local, o CED Cotobade, foi vítima dunha brutal agresión por parte dunha persoa que se atopaba presenciando como público o partido de Terceira Futgal que enfrontaba o Cotobade co CFB Poio, tal e como pode comprobarse no vídeo da retransmisión do encontro.

Agresión no partido CED Cotobade-CFB PoioCED Cotobade

Era o minuto 89 de xogo e o resultado era de 3-1, pero iso é case o de menos e é que ademais "estaba a ser en grao sumo tranquilo, non houbo nada", relata a PontevedraViva o presidente do CED Cotobade, Óscar Pinto.

Segundo o seu testemuño "unha muller e o seu marido entrou no terreo de xogo e pegoulle un bofetón ao noso porteiro suplente, porque lles aplaudiu".

O máis grave con todo chegou xusto despois cando "un xogador do Poio que non estaba convocado", explica, "deulle unha puñada brutal ao delegado".

Tanto o Cotobade como o CFB Poio recoñecen o agresor como futbolista do equipo visitante, e por iso o popio Poio decidiu que "inmediatamente ese xogador que non estaba convocado causa baixa", avanza o seu presidente José Manuel Lema confirmando que foi expulsado do club.

"Estamos avergonzados. Hai case 200 nenos que pertencen a este club e que non se merecen esta imaxe. Poremos todos os medios para que non volva suceder", afirma ofrecendo toda a colaboración posible e apoio ao CED Cotobade.

Debido a este incidente foi requirida a presenza nas Extremas dunha patrulla da Garda Civil, que identificou in situ a persoas implicadas na liorta pero non ao principal agresor, que foi localizado posteriormente xa que abandonara o recinto deportivo.