VÍDEO.- Así será o percorrido do Pro Tour de tríatlon que se estrea en Pontevedra

Pontevedra
08 de outubro 2019

Trátase dunha competición ideada para fomentar o espectáculo e a vistosidade, polo que os circuítos estarán concentrados na contorna da ponte dos Tirantes. Será a zona principal da competición coa área de transición e unha zona de meta " espectacular", aseguran desde a Federación

Percorrido do Pro Tour de Tríatlon en Pontevedra Federación Española de Triatlón

Pontevedra conta as horas para a estrea dunha nova competición deportiva, que chegou para revolucionar o tríatlon nacional.

O Pro Tour deseñado pola Federación Española de Tríatlon reunirá na Boa Vila aos mellores especialista nacionais, entre os que se atopan tres campións mundiais como Javier Gómez Noya, Mario Mola e Iván Raña.

Trátase dunha competición ideada para fomentar o espectáculo e a vistosidade, polo que os circuítos estarán concentrados na contorna da ponte dos Tirantes. Será a zona principal da competición coa área de transición e unha zona de meta "espectacular", aseguran desde a Federación. Ademais toda a carreira poderase seguir a través dunha pantalla xigante que ofrecerá o sinal da TVG, encargada da retransmisión cun sinal que tamén ofrecerán LaLigaSportsTV e TriathlonLive.

A acción comezará na auga, cun circuíto de natación no río Lérez que non permitirá un respiro, cunha soa volta de 250 metros e especial importancia especial á colocación na saída e o xiro da primeira boia.

En canto ao segmento ciclista, constará de 7’2 quilómetros, en dúas voltas de 3’6 con dous pasos a cada lado do río e pola zona de transición e meta. Este circuíto transcorrerá pola ponte dos Tirantes, Rafael Areses, penetrará no campus universitario e regresará pola ponte de Santiago cara á Avenida de Bos Aires.

Por último, a carreira a pé discorrerá tamén ao redor do río, utilizando a Avenida de Bos Aires, o paseo Rafael Areses e as pontes dos Tirantes con 1’7 quilómetros de percorrido.

ESPAZO PARA OS MÁIS PEQUENOS

O programa do Prol Tour non se iniciará coa deportistas elite, senón coas novas promesas locais cun evento, o TriDiver, deseñado para nenos e nenas entre os 5 e 10 anos de idade e que se celebrará a partir das 13:30 horas do próximo sábado, día 12 de outubro.

Despois chegará a quenda, ás 15:00 horas, dos Grupos de Idade co Campionato de España de Tríatlon Contrarreloxo Individual, e inmediatamente disputaranse as primeiras probas ProTour, con saída feminina ás 17:15  e masculina ás 18:45 horas. O domingo 13 de outubro pola súa banda as competicións iniciaranse ás 10 horas.