Xornada redonda e vitoria que vale seis puntos: os tres que o Pontevedra gañou en Bouzas e os tres que o Deportivo B se deixou en Barbadás. A suma de ambos os dous deixa aos granates a un só punto de celebrar o título de campión, cousa que pode conseguir o próximo domingo en Pasarón fronte As Pontes sumando tan só un empate.
Non foi un partido brillante, nin tivo demasiada calidade. Os de Luisito gañaron con dous chispazos illados nun primeiro tempo que dominaron territorialmente, para sufrir no segundo cando o Rápido de Bouzas reduciu distancias e recorreu ao xogo frontal, buscando as costas dos defensores visitantes. Logo, co partido roto, e os de Xurxo Otero buscando a área contraria á desesperada, os granates puideron tamén ampliar a diferenza á contra.
Comezos de tenteo, con demasiado pelotazo e pouco fútbol. Cos dous equipos preocupados de non deixar espazos ao rival e ausencia de fútbol combinativo, foi o Rápido de Bouzas o primeiro en chegar con certo perigo. Fíxoo a través dun disparo de Oki que rexeitou con seguridade e ben colocado Edu.
Logo moi pouquiño que contar. Luisito optou por un sistema en 4-2-3-1, colocando a Álvaro Muñiz por detrás de Pablo Carnero, con Benja e Mouriño abertos nas bandas e un dobre pivote de músculo, con Kevin Presa e Pedro García, Los granates chegaban pouco e cando o facían sen demasiado perigo. Unicamente en accións a balón parado daban a impresión de poder facer dano a un Bouzas que tampouco estaba disposto a asumir demasiados riscos.
Así se consumía a primeira parte ata que nun chispazo inclinouse o partido do lado visitante. E fíxoo de forma se se quere sorprendente, cando Pedro García se descolgou dese dobre pivote defensivo, animándose a aparecer na frontal da área aurinegra, minuto 38. Encontrouse co balón e ninguén por diante con quen intentar xogalo. Iso fíxoo animarse a intentar o disparo afastado. Saíulle un obús cruzado dende 25 metros, que fixo inútil a estirada de Sergio Ríos.
Con moi pouco o Pontevedra transformara en gol o lixeiro dominio territorial que exercía sobre o campo. E con menos fixo o segundo, noutro chispazo de calidade, neste caso de Pablo Carnero, que contou coa colaboración involuntaria de Sergio Ríos e o oportunismo de Mouriño. Faltaba só un minuto para o descanso e o máximo goleador granate revólvese na área, soltando un disparo seco, raso, moi potente que se lle escapa das mans ao meta local. Mouriño, sobre a liña, está máis rápido que a defensa e empurra o balón.
Era o 0-2. Demasiado premio para tan pouco, pero froito da diferenza de calidade individual entre un Rápido de Bouzas que acusaba as importantes baixas coas que chegou ao partido e un Pontevedra serio e efectivo.
Pero tamén é coñecida a facilidade que teñen os granates para complicarse a vida e non pechar os partidos. Diso aproveitouse o Rápido de Bouzas, que volveu ao campo cun punto máis de intensidade na reanudación. E o seu fútbol directo pronto deulle froitos, cun balón frontal, ás costas de Capi, que reacciona tarde e mal, permitindo que Jacobo controle e encare a Edu (minuto 50) para batelo por raso.
Logo o propio Edu ten que despexar cos puños un duro remate de Miky. O dominio agora era alterno, aínda que os locais daban maior sensación de perigo nas súas aproximacións, sempre buscando balóns interiores ou a entrada pola banda de Rubén Lobato, que sufría tanto como se complicaba innecesariamente en ocasións.
Pablo Carnero tivo a sentenza nas súas botas, minuto 60, ao roubar o balón a Castro, pero non acertou a elevar sobre un Sergio Ríos que estaba vencido. O gol que non chegou fíxoo mediado este segundo tempo vindo dende Ourense, coa noticia da vitoria do Barbadás sobre o Deportivo B, que deixaba o título case en bandexa aos de Luisito.
Mentres o Pontevedra seguía sufrindo e Oki tivo o empate nas súas botas, minuto 71. O seu remate dende dentro da área que buscaba o segundo pau foi a estrelarse contra o longueiro.
A resposta granate veu nun gran pase diagonal do recien incorporado Jacobo cara a Tubo. Sergio Ríos saíu rapidísimo tapando o remate do dianteiro visitante.
Co tempo cumprido Anxo puido facer o terceiro nunha magnífica parede con Jacobo. O seu remate saíu excesivamente cruzado, rozando o poste. tería evitado uns minutos de apuro, pero o Pontevedra aguantou sen maiores problemas porque o Rápido, que o seguiu intentando, xa non tiña forzas.
Cando o árbitro sinalou o final, con case seis minutos de desconto, a afección visitante celebrouno ao grande. Non fora un gran partido, pero si un partido de seis puntos, que deixa o título a un só punto de distancia nas tres xornadas que restan.
RÁPIDO DE BOUZAS (1): Sergio Ríos (2); Portas (2), Castro (2), Yago Yao (2), García (2); Sergio Santos (2), Chema (1); Miky (2), Diz (1), Oki (1); e Jacobo (2).
Substitucións: Gabi Misa (2) por Diz, minuto 42. Vilas (1) por Miki, minuto 73. Iago Paz (s.c.) por Sergio Santos, minuto 81.
PONTEVEDRA CF (2): Edu (2); Campillo (3), Pablo (3), Capi (1), Rubén Lobato (1); Pedro García (2), Kevin Presa (3); Benja (1), Álvaro Muñiz (1), Mouriño (1); e Pablo Carnero (2).
Substitucións: Tubo (1) por Benja, minuto 58. Jacobo (1) por Álvaro Muñiz, minuto 72. Anxo (2) por Pedro García, minuto 79.
Árbitro: Breogán Antón Martínez Vila (Ourense), auxiliado nas bandas por Avelino García Márquez e Marcos Fernández Fernández. Amoestou a Castro e Chema, polos locais, e a Kevin Presa, Benja e Pedro García, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 38: Pedro García. (0-2) Minuto 45: Mouriño. (1-2) Minuto 50: Jacobo.
Incidencias: Campo Baltasar Pujales (Bouzas-Vigo). Uns 500 espectadores, con presenza maioritaria de afeccionados visitantes.