Víctor Senra co seu C3 WRC encabeza a "espectacular" lista de rexistrados do VI Rallye de Pontevedra

Pontevedra
23 de maio 2024

A Federación Galega de Automobilismo deu a coñecer a lista oficial de participantes para o VI Rallye de Pontevedra, ao que non faltarán ningún das principais espadas do Campionato Galego e no que destaca tamén a presenza do ex-triatleta Iván Raña

Víctor Senra, no V Rally de Pontevedra Cristina Saiz

Ningún dos principais espadas do Campionato Galego de Rallyes perderase a sexta edición do Rallye de Pontevedra.

A Federación Galega de Automobilismo fixo oficial este xoves a lista final de rexistrados para a carreira pontevedresa, que se disputará o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño con base en Sanxenxo. 

Nela figuran ata 129 vehículos. Unha "espectacular lista de rexistrados" segundo a organización encabezada polo favorito, líder do campionato e defensor da súa coroa nesta proba, Víctor Senra co seu Citroën C3 WRC. Súas son as vitorias nas catro probas disputadas ata a data.

Catro podios (dous terceiros e dous segundos postos) acumula pola súa banda Alberto Meira, segundo na xeral e que correrá cun Skoda Fabia Rallye 2, seguido de Daniel Berdomas (Peugeot 208 T16 R5), Jorge Pérez (Hyundai I20 R5) e Alberto Otero, que pilotará o segundo dos C3 WRC.

Outros nomes para destacar son o de Antonio Pérez cun Ford Festa WRC e o ex-triatleta Iván Raña, aos mandos dun Toyota Yaris GR.

Ingredientes dabondo para que as estradas da comarca e os afeccionados ao motor vibren cun Rallye de Pontevedra que arrincará o venres 31 co tramo-espectáculo de Nantes e que o sábado día completará ata oito mangas cronometradas nos tramos habilitados en Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Meaño e Moraña.