Varios locais da cidade animarán a xornada do domingo na "Ruta do ascenso"

Pontevedra
29 de maio 2015

Cafetaría Blossom, Cafetaría Pasaje e Pub Marylin buscan crear un ambiente festivo na previa do choque ante o Mensajero coa esperanza de que a festa se prolongue ata a noite co triunfo do Pontevedra

Aspecto dos arredores de Pasarón antes de comezar o Pontevedra-Somozas da tempada 13/14 Diego Torrado

As horas pasan e cada vez falta menos para que chegue o partido de volta entre Pontevedra e Mensajero, no que os granates buscarán remontar para certificar o ansiado ascenso a Segunda B.

Conforme se achega o día, a expectación crece na cidade, que horas antes do duelo xa respirará ambiente de fútbol polos catro costados.

Diso encargaranse iniciativas como a 'Ruta do ascenso' formulada por tres locais de hostalaría: Cafetaría Blossom, Cafetaría Pasaje e Pub Marylin.

Os tres son locais relacionados con coñecidos afeccionados granates, que animan o resto de seguidores a sumarse dende a mañá do domingo ao pre-partido polas rúas de Pontevedra coa confianza de que a festa se prolongue ata ben entrada a noite, o que supoñería que o equipo da cidade de Lérez terá conseguido o seu obxectivo, remontar o 1-0 co que regresou do choque de ida en La Palma.

Esta iniciativa únese á convocada polo colectivo Mocidade Granate, que acudirá a animar o equipo ao último adestramento do equipo, que se celebrará o sábado ás 10:30 en Pasarón, cita á que invita "a toda a afección granate".