Valladolid, parada para un Pontevedra que quere seguir mirando ao alto da táboa

Pontevedra
01 de febreiro 2019

Despois de dúas saídas infrutuosas, con senllas derrotas ante Atlético B e Leonesa, os granates queren sumar tres puntos ante un necesitado Valladolid B (domingo, 12:00 horas) para manterse na pelexa polo play-off de ascenso. Churre, baixa por sanción

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

Gañar fóra para seguir aspirando a todo. É o obxectivo do Pontevedra Club de Fútbol este domingo (12:00 horas) en Valladolid, onde tras dúas saídas infrutuosas tentará quedar os puntos en xogo ante un necesitado filial valisoletano.

O Promesas ocupa posto de play-out tras encadeas catro xornadas sen gañar, un obxectivo oposto ao dos granates, que queren seguir na pelexa polo play-off.

Pechado o mercado de fichaxes, ambos os dous conxuntos reforzáronse. O Pontevedra cun Borja Domínguez que xa debutou o pasado domingo en Pasarón e con Álvaro Bustos, que aínda que tiña prevista a súa chegada á Boa Vila este venres a tempo de participar no adestramento do equipo, non se sumará ao traballo ata o sábado ao verse afectado polo temporal na súa viaxe cara á costa galega.

"Es rápido, es un jugador con derborde, potente y con un buen golpeo", define Luismi, quen cre que "nos da opciones" ao poder xogar por ambas as dúas bandas "e incluso de segundo punta".

Pola súa banda o Valladolid  B sumou ás súas filas ao central Jaime, ao gardameta Guille Vallejo e ao dianteiro Casi, nunha operación atípica nun filial ao tratarse dun futbolista de 25 anos.

Será un duelo no que "hay que estar muy concentrados", avisa o técnico, non só pola calidade do plantel rival senón tamén polas características do terreo de xogo, moi exposto ao vento e de herba artificial que "no te permite cometer muchos errores porque tampoco tienes margen a corregirlos"

Por ese motivo Luismi avanza que, unha vez máis, produciranse cambios no once inicial, máis aló da ausencia de Churre por sanción.

O colexiado do encontro será o vasco Ibai Rezola Etxeberría.