Valencia e Mónaco cítanse na final do Torneo EncestaRías

Pontevedra
13 de setembro 2024

Valencia Basket-Leyma Coruña e As Mónaco-Breogán foron os partidos da primeira xornada do IX Torneo EncestaRías que se disputa no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra

Primeira xornada do IX Torneo EncestaRías no Pavillón Municipal Mónica Patxot

Despois do gran sabor de boca deixado polo 'Dream Game' entre Real Madrid e AS Mónaco, o Pavillón Municipal dos Deportes foi escenario este venres da primeira xornada do IX Torneo EncestaRías.

Cun gran ambiente nas bancadas o público pontevedrés puido gozar de tres equipos da Liga ACB compartindo cartel co propio Mónaco, campión francés.

O partido encargado de abrir o torneo foi o duelo entre o recentemente ascendido Leyma Coruña e o Valencia Basket, no que o conxunto levantino mostrou o poderío dun proxecto que aspira esta tempada a grandes cousas da man de Pedro Martínez.

O Valencia cimentou o seu triunfo cun notable primeiro cuarto (18-30), e foi controlando e ampliando a súa renda aos poucos para levar o partido por un marcador final de 85-108.

Cun finalista xa decidido, faltaba por coñecer quen sería o seu opoñente este sábado, e cumprindo os prognósticos o Mónaco superou o Breogán de Lugo na segunda semifinal do torneo, aínda que o conxunto francés tivo que suar para derrubar a resistencia galega.

Tras un inicio con escaso acerto ante o aro (11-14 no primeiro cuarto), o Mónaco mantivo o mando chegando ao descanso cun tenteo de 25-32 que para nada era decisivo. De feito o Breogán chegou a poñerse por diante a dous minutos do final dun terceiro cuarto que se pechou nun 49-46.

Restaban dez minutos e a moeda podía caer para calquera lado, pero acabou decantándose por un Mónaco que terminou vencendo nun apertado desenlace por 61-63.

O IX Torneo EncestaRías continúa este sábado coa súa xornada decisiva, co partido polo terceiro e cuarto posto ás 18.00 horas (Leyma Coruña-Breogán) e a gran final prevista para as 20.15 horas (Valencia Basket-Mónaco).