Unha das principais críticas que pesan sobre o Pontevedra de Antonio Fernández é que en toda unha volta de competición non atopou un once tipo. Unha verdade, a medias.
É certo que o técnico do Pontevedra non repetiu aliñación nin unha soa vez ao longo de 19 xornadas. Con todo, a estrutura e a columna vertebral do equipo está clara. A composta por Cacharrón, Soto, Churre, Miguel Román, Álex González, Brais Abelenda e Charles ou Rufo.
Ata seis xogadores, Cacharrón, Bastos, Soto, Churre, Miguel Román e Brais Abelenda foron titulares en todos os partidos nos que estiveron dispoñibles, salvo Brais que foi suplente unha vez.
Outros como Álex González, Seoane ou Samu Araújo sempre estiveron entre os favoritos do adestrador á hora de confeccionar o once cando o seu estado físico non o impedía. De feito Samu Araújo foi titular nos nove partidos que xogou, Álex González, tamén afectado de molestias musculares este ano, foi da partida en 13 das súas 16 aparicións; e Seoane, que se incorporou tarde ao traballo co grupo e segue sen recuperarse por completo, foi titular en seis das sete veces que foi convocado.
Só as recorrentes lesións en postos clave como os laterais ou o dobre pivote, así como o regreso tardío de Cacharrón á portería tras a súa operación de menisco impediron recitar de corrido unha aliñación que só lanza dúbidas en tres posiciones: o dianteiro, o extremo dereito e o acompañante de Miguel Román no centro do campo.
O debate da dianteira granate é eterno, Charles e Rufo levan dúas tempadas alternándose como titulares no posto de nove sen que ningún acabe de desequilibrar a balanza. Nesta primeira volta ambos acumulan case o mesmo número de minutos, 973 para o brasileiro e 792 para o madrileño. En número de goles tamén vence o máximo goleador da historia do Pontevedra por unha concisa diferenza, 3 a 1.
Máis complexa é a situación no centro do campo. Borja Domínguez tardou en alcanzar un estado de forma óptimo para competir en Primeira Federación, mentres tanto o posto de mediocentro creativo era propiedade exclusiva de Yelko Piñeiro, sempre escoltado por Miguel Román.
A melloría dun das grandes fichaxes do verán obrigou ao adestrador para modificar o esquema para dar cabida aos dous "jugones" do Pontevedra, así os granates pasaron a xogar con tres mediocentros na xornada 15, (en partidos anteriores xa se puxo a proba) aínda que nas cinco anteriores foi o rendemento de Domínguez o que levou a Piñeiro ao banco.
Dúas posicións que non tiveron dono ao longo deste primeiro tramo de tempada son as de extremo dereito e esquerdo, en ningún dos tres sistemas que empregou Antonio Fernández durante a primeira volta.
No flanco esquerdo, Álex González é titularísimo. Pero as lesións no lateral esquerdo, de Araújo e Bastos, fixérono iniciar os partidos nesa posición en máis ocasións das desexadas. Sen o capitán, formaron como extremos esquerdos Brais Abelenda, máis decisivo en posicións máis centradas, Martín Diz, Alberto Rubio e mesmo Valentín Jaichenko. O desaparecido Guèye só foi titular no duelo de copa contra o Tenerife e fíxoo xogando a perna cambiada, na banda dereita.
No lado contrario, a procura dun titular segue sendo unha incógnita. Oier Calvillo comezou como titular e foi dos máis empregados nese posto, pero a súa irregularidade abriulle a porta a Alberto Rubio, que co seu xogo asociativo e disparo de longa distancia acabou por apropiarse desa demarcación ata que unha lesión na man, con paso por quirófano incluído, devolveuno á casa de saída antes do Nadal.
Outros que gozaron de minutos, mesmo como titulares, sen chegar a asentarse nunca no once foron Mario Ortiz ou Jon Bakero, que disputaron un total de 4 e 3 encontros desde o inicio respectivamente.
Así, cada semana tivo que lidar Antonio cun crebacabezas de once pezas nas que sempre lle faltou algunha das súas favoritas. Foi a final de ano, cando as lesións deron unha tregua (salvo para Bastos), cando o Pontevedra ofreceu a súa mellor versión e, con vitorias como as logradas contra o San Fernando, Ceuta ou Alxeciras logrou concluír o 2022 metido de cheo na loita por saír do descenso.
Algo que neste inicio do 2023, no que Fernández Rivadulla volve ter a enfermería ocupada, volveu a complicarse.