Unha pretempada máis tardía do habitual para o Pontevedra

Pontevedra
27 de xuño 2021

O club granate ten previsto volver aos adestramentos o luns 26 de xullo dado que o inicio da competición de liga non terá lugar ata principios de setembro

Primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF Cristina Saiz

A volta aos adestramentos do Pontevedra Club de Fútbol farase de rogar este verán.

O club granate, que traballa na planificación do seu próximo proxecto deportivo sen confirmar aínda o nome do seu novo adestrador, avanza en diversos aspectos neste sentido, máis aló de fichaxes e renovacións.

Un deles é a data na que se comezará a pretempada nun inicio máis tardío do que adoita ser habitual, e é que salvo a campaña postpandemia recentemente concluída, é raro esperar case ao mes de agosto para ver os primeiros adestramentos do equipo.

É o que sucederá nesta ocasión, xa que a liga na Segunda RFEF non vivirá a súa primeira xornada ata o 5 de setembro, segundo os plans da Federación. Por iso no Pontevedra fixaron o luns 26 de xullo como data de regreso ao traballo.

Desta forma "serían seis semanas de pretemporada", confirmou o director deportivo Toni Otero, aínda que todo iso a falta do visto e prace definitivo por parte do novo adestrador, cuxa opinión será tida en conta.