Unha PlayStation 5, 'peaxe' de Charles por gañarlle ao Cartagena

Pontevedra
18 de decembro 2020

O dianteiro brasileiro do Pontevedra recoñeceu tras o partido de Copa no programa radiofónico El Larguero da Cadena SER que prometera ao seu fillo maior comprar a popular vídeoconsola se conseguían pasar de rolda

Charles xoga cos seus fillos na súa presentación como xogador do Pontevedra Mónica Patxot

Case 500 euros. É a peaxe que Charles terá que pagar tras a vitoria do Pontevedra en Copa do Rei ante un equipo da Segunda División como o Cartagena.

É o que vale a nova PlayStation 5, e é que o dianteiro granate prometeulle ao seu fillo maior que se vencían e pasaban de rolda en Copa compraríalle a popular vídeoconsola.

Así o recoñeceu tras o encontro nunha entrevista concedida ao programa radiofónico El Larguero, da Cadena SER. "Cenando con mi hijo Lucas le dije, si pasamos te compro la Play Station, y al final del partido cuándo ganamos me viene diciendo ¡la Play papi, la Play!", revelou o futbolista, aínda que "creo que la voy a usar más yo que él", chanceou.

Unha anécdota divertida dun xogador convertido en todo un emblema para o club e a afección, e que estaba contento por conseguir vencer a un equipo de superior categoría nun "un año en el que las alegrías son pocas y yo creo que ganando hemos dado una alegría a nuestra gente".

Charles lembrou na entrevista os motivos que lle trouxeron de volta a Pontevedra. "Aquí me voy a retirar, pero todavía me quedan años de fútbol y voy a seguir disfrutando, intentando dar alegrías a los nuestros", concluíu.