Algo cambiou no Pontevedra Club de Fútbol, que ao contrario do sucedido nas últimas tempadas empeza a confirmar os seus movementos a case un mes aínda de regresar aos adestramentos. "Volvemos empezar con todo, e agora si con tempo, non volverá pasar o que vivimos nos últimos anos", afirmou a presidenta granate, Lupe Murillo, na recente presentación de Yago Iglesias. Unha declaración de intencións que empeza a cumprirse.
A primeira pedra foi a contratación de Yago como adestrador do primeiro equipo, cunha confirmación por parte do club que se produciu o pasado venres 16 de xuño. A pesar das semanas transcorridas desde o final da competición, a data supón un importante adianto en relación aos últimos anos. De feito tanto Antonio Fernández (6 de xullo) como Ángel Rodríguez un ano antes (11 de xullo) aterraron en Pasarón a poucos días de iniciarse a pretempada e co plantel xa perfilado.
Iso cambiou esta vez, e é que ademais dos oito xogadores que tiñan contrato e que para o técnico son "unha base que creo que é moi sólida e forte para a categoría que imos estar", tras a súa chegada e xa tendo en conta a súa opinión na toma decisións empezouse a establecer contactos cos futbolistas que finalizaban a súa vinculación e interesa que sigan.
É o caso de Víctor Vázquez 'Churre', primeira renovación oficial, un feito que o curso pasado non se produciu ata o 27 de xuño, día no que se anunciou a continuidade do capitán Álex González.
Trátase dun novo proxecto deportivo pero ao que, segundo o sinalado pola presidenta, quéreselle datora de maior estabilidade e pensando no curto pero tamén no medio e longo prazo.
Neste sentido a aposta por Yago Iglesias, un adestrador que afai estar máis dun ano nos equipos que estivo como Compostela e Zamora, camiña nesa dirección. Un feito, o de repetir adestrador, que non se produce en Pasarón desde Luismi, que asumiu o cargo mediada a campaña 17/18, completou a seguinte na súa totalidade e empezou a terceira, aínda que non a finalizou.
Desde a chegada de Lupe Murillo á presidencia do Pontevedra, o adestrador que estivo máis tempo no cargo sen interrupcións foi Luisito, que substituíu a Manu Fernández en metade da liga 14/15 e tras lograr o ascenso a Segunda B mantívose dúas tempadas máis completas, sendo cesado no seu cuarto curso (17/18).