Unha metamorfose cimentada na solidez defensiva

Pontevedra
30 de novembro 2021

Durante as cinco primeiras xornadas de liga, nun complicado inicio de tempada, o Pontevedra encaixaba unha media de 1,8 goles por partido, pero desde entón baixou ese índice ata os 0,375 goles por encontro, unha estatística sobre a que baseou a súa recuperación e remontada na táboa

Pablo Cacharrón no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Coruxo
Pablo Cacharrón no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Coruxo / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol deixou atrás definitivamente o seu irregular inicio de liga consolidándose cos últimos resultados na segunda posición e empezando a mirar de esguello o liderado, aínda a 5 puntos de distancia, e é que o equipo granate protagonizou unha auténtica metamorfose co paso das xornadas.

Con facilidade para ver porta desde o inicio da competición, de feito só se quedaron sen anotar nun dos 13 encontros disputados, a fraxilidade defensiva con importantes erros puntuais penalizou en exceso ao equipo dirixido por Ángel Rodríguez nos primeiros compases da campaña.

Durante as cinco primeiras xornadas o Pontevedra asinou unha media de 1,8 goles en contra por partido con empates fronte a Compostela (1-1), Móstoles (2-2), Bergantiños (2-2) e Arenteiro (2-2) e derrota contra Leganés B (1-2), demasiados para un plantel con aspiracións.

Todo cambiou a partir da sexta xornada, co triunfo contundente por 0-3 no campo do Marino de Luanco. Foi o inicio dunha melloría cimentada desde a solidez defensiva, e é que desde esa data os granates conseguiron deixar en 6 dos seus 8 partidos a porta a cero, encaixando unicamente 3 goles (derrota ante o Adarve por 2-1 e vitoria contra o Coruxo polo mesmo resultado).

Durante eses 8 choques Pablo Cacharrón, que xusto entrou no once en Luanco, logrou unha media de 0,375 goles encaixados por partido, grazas tamén ao bo facer dos seus compañeiros.

Tendo en conta esas últimas 8 xornadas, só un equipo da categoría achégase aos números do Pontevedra. Trátase do Navalcarnero, que só recibiu dous goles en contra pero para sumar 17 puntos, polos 19 do Pontevedra no mesmo período, mentres que o Bergantiños encaixou 5 tantos (17 puntos) e o líder Unión Adarve 6 (18 puntos).

Cacharrón acumula agora mesmos 295 minutos sen recoller un balón de dentro da súa portería (desde que o 2-1 do Unión Adarve no minuto 75 daquel encontro), estando a só 21 de superar a xeira coa que se iniciou na meta granate tras o duelo de Luanco. Prolongar ese bo momento antóllase como un dos aspectos clave para seguir crecendo como equipo empezando por superar o vindeiro sábado (18.00 horas) a domicilio o Langreo.