Os afeccionados que acudiron ao partido do pasado sábado entre Pontevedra e Unionistas puideron mostrar o seu agarimo a unha das maiores lendas do club granate, Charles Días, que se retira a final de tempada.
Foi con todo unha homenaxe amarga polo final e tamén sorpresiva, xa que foi adiantada aos medios de comunicación unha vez no estadio e non foi anunciada polo club granate oficialmente ata iniciado o encontro, deslucindo as honras ao maior goleador da historia do Pontevedra.
Iniciado o choque repartíronse entre os seguidores carteis con frases como "Charles eterno", "lenda granate", "ídolo de Pasarón", "un dous nosos" ou "sempre Charles", acompañado dunhas lonas de maiores dimensións. Todo iso para ser exhibido no minuto 18 de partido, coincidindo co dorsal do brasileiro, e con cánticos na súa honra.
Charles, emocionado co agarimo recibido, estivo preto de dar os tres puntos ao seu equipo cun gol desde o punto de penalti, tras o que bicou o céspede do Estadio Municipal de Pasarón, ese que tanto lle deu e que só volverá pisar unha última vez, o próximo 27 de maio fronte ao Deportivo.
Tras o choque, Charles volveu saltar ao terreo de xogo sendo ovacionado polos afeccionados presentes, pese ao mal momento deportivo que supoñía o empate no marcador, enterrando as últimas aspiracións granates de permanencia.
Xa en sala de prensa, o aínda futbolista en activo recoñeceu que "é unha pena terminar a miña carreira cun descenso, pero é o fútbol isto. Non quería terminar a miña carreira así, pero bo termínase unha etapa, fáltanme dous partidos por xogar, e empeza outra que oxalá sexa tan bonita como dentro do campo", explicou.
En canto ao seu futuro fóra dos terreos de xogo pero relacionado co Pontevedra, afirmou aínda non ter definida a súa función: "Aínda non o sei temos que sentarnos, falar". O que si tiña claro é que é o momento de colgar as botas porque "o corpo pídeme que pare, teño o xeonllo un pouco mal e son moitos anos de profesional, máis de 20 anos. Termínase unha etapa e empeza outra".
Palabras dun dos maiores mitos da historia do Pontevedra Club de Fútbol.