Unha cesión a Terceira División, opción para os canteiráns Iñaki, Pacheco e os irmáns Barbeito

Pontevedra
23 de xullo 2019

"Preferían salir para jugar y desde el club se está valorando esa posibilidad", recoñece Luismi un día despois da presentación do equipo, na que non estiveron os canteiráns. O Rápido de Bouzas aparece como o club mellor colocado para a súa cesión ante as boas relacións existentes entre ambas as dúas entidades

Os irmáns Barbeito e Pacheco no primeiro adestramento do Pontevedra 19/20 Cristina Saiz

A presentación oficial da tempada 19/20 do Pontevedra Club de Fútbol, celebrada este luns na  Praza do Teucro, deixou unha incógnita no aire, o futuro dalgúns dos canteiráns que na última campaña eran habituais en adestramentos e convocatorias do primeiro equipo.

No acto non estiveron presentes os irmáns Juan e Jesús Barbeito, Iñaki e Pacheco, catro xogadores que negocian estes días unha saída para gozar de minutos e tentar seguir progresando como futbolistas.

"Hay posibilidad de que puedan salir cedidos, ellos quieres jugar en Tercera División, quieren jugar, y se estudiará estos días", avanzou este martes Luismi tras a conclusión do adestramento do equipo.

"La idea es esa porque ellos también lo han pedido, preferían salir para jugar y desde el club se está valorando esa posibilidad", confirmou o técnico.

Nesta situación o club mellor colocado para facerse cos servizos dos canteiráns granates é o Rápido de Bouzas, ante as boas relacións que manteñen ambas as dúas entidades e que lle levaron a negociar un acordo de colaboración. "Puede ser una salida", recoñece Luismi, aínda que "hay que ser cauto hasta que esté cerrado", sinalou.

No caso de producirse estas saídas, ábrese a posibilidade de que varios dos canteiráns que están a realizar a pretempada co primeiro plantel ocupen finalmente algunhas das fichas sub-23 dispoñibles, posto ao que aspiran xogadores como López, Garrido, Rivera, Antón, Guisande e Santi Figueroa.

ADIBE ADÉSTRASE Á MARXE POR MOLESTIAS NO XEONLLO

Un das fichaxes estivais do Pontevedra, Uzochukwu Ogumka  Adighibe 'Adibe', dianteiro que chegou procedente do Unión Adarve, non se adestrou este martes co resto dos seus compañeiros debido a molestias no seu xeonllo dereito, limitándose a exercicios de recuperación.

"Es una molestia que tiene ahí y por precaución lo hemos parado", explicou Luismi, que non o descarta para o primeiro amigable do verán deste mércores ante o Rácing de Ferrol en Pasarón (20:30 horas), aínda que a súa presenza parece máis que dubidosa.

O plan do adestrador pontevedrés para ese encontro, o Trofeo Luís Otero, é repartir minutos entre todos os integrantes do plantel, cun once diferente en cada tempo.

O outro futbolista que non estará ante os ferroláns é Pedro Vázquez, que segue recuperándose dunha operación de apendicite. O futbolista granate realiza exercicios específicos e sen contacto e seguirá así durante a práctica totalidade da pretempada por prescrición médica. "A lo mejor un mes va a tener que estar prácticamente parado, sin competir", recoñeceu o técnico.