O deportista cuntiense Ángel Torres López puxo en marcha unha campaña na plataforma GoFundMe co obxectivo de recadar o diñeiro necesario para custear unha parte da prótese que lle vai a permitir conseguir o seu obxectivo de competir como atleta paralímpico na disciplina de snowboard nos próximos Xogos Olímpicos de Inverno de Milano Cortina (Italia, 2026).
O prezo da prótese deportiva rolda os 10.000 euros. Torres, consciente de que é complicado chegar a esa cifra, empezou a recadación de fondos marcando como primeiro obxectivo alcanzar os 3.500 euros, cantidade que cubriría o custo do pé. Tras cinco días dende o inicio da campaña de crowdfunding, e superados os 3.500 euros, a nova meta son 5.000.
"A prótese serían dúas partes, o que sería o pé e máis a parte que une co cacho que teño de perna. En principio a parte que máis me urxía era a do pé, dende o tobillo ata abaixo, pero hoxe rompín o resto da prótese que usaba para camiñar e foi unha faena", comenta Ángel Torres en conversa telefónica con PontevedraViva dende Alemaña, onde se atopa esta semana competindo non Campionato de Europa.
Torres asegura estar superado pola resposta que recibiu coa súa iniciativa. Pero confesa que o que realmente buscaba é visibilizar a súa situación para que unha empresa se anime a patrocinalo. Neste momento conta con axudas puntuais de Central Lechera Gallega, unha firma queixeira de Cuntis que lle comprou o casco, e o club Centro de Actividades Deportivas Servisub Bueu, que lle axudou a custear as botas.
A táboa de competir, o resto de equipamento e demais gastos está a afrontalos con "todo o que conseguín aforrando durante os dez anos que estiven traballando de buceador, pero doume conta de que non me está chegando". Por iso cada semana manda correos para conseguir patrocinios, de momento sen resposta. "É unha loita constante a ver se soa a frauta por algún lado".
ACCIDENTE LABORAL
A historia de Ángel Torres co snowboard é recente. Empezou a adestrar o pasado mes de xuño despois de valorar varias opcións para practicar deporte adaptado á súa condición. Foi a través da Páxina Oficial do Comité Paralímpico Español, onde se ofrece un cuestionario para saber en que deporte se podería competir segundo o tipo de discapacidade.
Este mergullador profesional tivo un accidente laboral hai 18 meses, cando contaba 27 anos, no que perdeu unha perna. Na súa recuperación, tanto física como anímica, o deporte foi o seu refuxio. "Non me collía na cabeza estar na casa, estar quieto, e para min o deporte foi unha saída moi importante. Á parte de estar activo, estar conseguindo logros e estar superándote todos os días é algo que mentalmente axuda un montón, e ademais dáseme ben. Deixei a miña casa, a miña parella, tiven que deixar todo eso para poder entrenar e competir, e fastidiaríame un montón ter que parar polo tema dos cartos", confesa o deportista cuntiense.
Un accidente laboral leva aparellada unha compensación que, en principio, debería axudar a cubrir os gastos. Pero neste punto, atopouse cun novo obstáculo. "O tema da indemnización teño un xuízo pendente, van case dous anos do accidente e non cobrei nin un euro nin ningún tipo de axuda todavía". Axudas para custear, por exemplo, as adaptacións que tivo que realizar na súa vivenda ou o cambio de coche a un automático. "Cousas que ao final están saíndo do meu bolsillo porque do accidente aínda non vin nada", laméntase.
O SOÑO OLÍMPICO
Esta semana compite en Alemaña en dúas carreiras e a seguinte en tres probas en Italia, co que pecharía a tempada internacional. Entre Nadal e Semana Santa adestra no Pireneo catalán e o resto do ano "adoitamos saír uns vinte días ao mes a onde haxa neve, que aquí en Europa soe ser aos Alpes, Austria ou Francia".
Os bos resultados deportivos que conseguiu na Copa de Europa, onde se situou entre os sete primeiros postos de 24 competidores, e a Copa de España, que finalizou cun segundo posto, fanlle soñar con clasificarse para os próximos Xogos Paralímpicos de Inverno. "Ou meu obxectivo é chegar aos Xogos Olímpicos, facer bos resultados alí e é polo que vou loitar".
"Non estou competindo en igualdade de condicións que os demais"
Chegar á cita olímpica en 2026 tamén supoñería acceder a unha bolsa. "Non momento en que ti obtes uns resultados non Mundial ou nos Xogos Olímpicos podes acceder a unha destas becas". Pero, para obter bos resultados precisa unha prótese deportiva adaptada. "Non estou competindo en igualdade de condicións que os demais, ao final ter un pé adecuado vaime permitir ter mellores resultados tamén", asegura.
PRÓTESE DEPORTIVA
Cumprir o seu soño depende dunha prótese deportiva. En principio, a mutua ía cubrir o gasto pero, para a súa sorpresa, tras facer o pedido rexeitáronlle o pago. "Hai unha sentenza do Tribunal Supremo que di que non se poden empregar eses cartos para financiar material deportivo", apunta Torres. Baseándose nesta xurisprudencia, a mutua só lle cobre o custo dunha prótese para camiñar, non para practicar deporte.
"Nas próteses para camiñar os pés ortopédicos están feitos para que rebote, para que ti cando das un paso che impulse ao seguinte. Para facer snowboard é totalmente o contrario, o pé que necesitas leva un amortiguador para que absorba os impactos, cado colles un bache ou nun salto", explica Ángel Torres.
Foi precisamente nunha fochanca durante un adestramento onde se lle acaba de romper a única prótese que ten, "que cun amortiguador non me houbera pasado".
Para terminar as competicións, montou esta prótese cunha peza vella que xusto retirara porque lle molestaba. "Vouna estar utilizando durante estas dúas semanas de competición, pero despois para camiñar terei que andar con muletas, para non castigar a perna e que non me faga moito daño".
Esta solución de emerxencia non resolve o seu problema. Cruza os dedos para non lesionarse nas dúas semanas que lle restan para o final de tempada. Son moitos os riscos de competir cunha prótese non adaptada. Ademais de estar a facer forza con partes do corpo que non corresponden, "ter un pé que rebota provócame moitas caídas e indo a velocidades de 80 quilómetros por hora, por exemplo, unha caída pode ser grave".