Un Top-10 nunha carreira World Tour premia o esforzo do Farto

Pontevedra
22 de maio 2023

Tras non poder estrearse en La Vuelta por un problema de inscrición, Michaela Drummond deulle ao Farto-BTC o seu mellor resultado da tempada na recente Volta a Burgos, carreira na que se mediu ás grandes escuadras do pelotón internacional

Michaela Drummond, ciclista do Farto

Era a principal esperanza do Farto-BTC para deixarse ver na Volta Ciclista a España pero un problema burocrático coa súa inscrición impediulle estar na liña de saída.

Solucionada a incidencia a neozelandesa Michaela Drummond, que puido debutar na Clásica de Navarra, empeza a xustificar a súa fichaxe pola escuadra pontevedresa con resultados, dándolle de feito en poucos días a maior alegría do curso.

Drummond logrou o primeiro Top-10 do Farto nunha carreira World Tour, nas que participa a elite do pelotón internacional con equipos que contan con ata 10 veces o orzamento do equipo galego. Fíxoo na primeira xornada da recente Volta a Burgos, nunha etapa non exenta de incidencias.

A sprinter sufriu unha picada a tres quilómetros do único porto da xornada, pero grazas á axuda de tres compañeiras (Jiménez, Britz e Jandová) puido reintegrarse no pelotón para filtrarse no sprint final entre as 10 primeiras clasificadas, resultando vencedora Lorena Wiebes (Team SD Worx).

"Traballamos incansablemente para este tipo de éxitos e seguimos demostrando que podemos estar á altura dos mellores equipos do mundo. Non temos palabras", sinalou tras a proba o director do Farto, Brais Dacal, mentres que a protagonista Michaela Drummond afirmou que "obter este top-10 significa moito para min despois de todo o sufrido este ano, e máis aínda sendo unha carreira World Tour coas mellores esprinters do mundo".

Na clasificación xeral da Volta a Burgos a única ciclista do Farto en completar a rolda foi Ariadna Gutiérrez no posto 69 a máis de 24 minutos da vencedora, a neerlandesa Demi Vollering.