Un Teucro "orgulloso do seu pasado, do seu presente e do seu prometedor futuro"

Pontevedra
04 de outubro 2023

O club pontevedrés presentou oficialmente este mércores o seu primeiro plantel, despois de comezar a tempada cun esperanzador pleno de triunfos nas tres primeiras xornadas

Presentación oficial da Sociedad Deportiva Teucro 23-24 Mónica Patxot

Máis de 78 anos ten de historia ás súas costas a Sociedad Deportiva Teucro.

Por ese motivo, máis aló da categoría que milite o seu principal equipo, desde a entidade aseguran estar "orgullosos do seu presente, do seu pasado e do seu prometedor futuro". Así o expresou este mércores Carlos García-Alén, representante da xunta xestora da entidade, na presentación oficial do primeiro equipo para a tempada 23-24 que xa está en marcha.

No vicedecano do balonmán nacional confían en que esta campaña "poida supoñer o reinicio", e o de feito os primeiros compases da competición levaron os sorrisos aos seus seguidores cun pleno de triunfos nas tres primeiras xornadas da Primeira Nacional.

O acto de presentación, organizado no salón de actos do edificio da Xunta en Benito Corbal, estivo conducido polo xornalista Ángel Magdaleno e contou coa presenza de diversas autoridades como a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.