Un Teucro de circunstancias cae en Copa en Torrelavega (24-22)

Pontevedra
19 de decembro 2018

Os pontevedreses presentaron un equipo de circunstancias na ida da terceira eliminatoria da Copa do Rei, con apenas 10 xogadores en condicións de participar, e pagárono cunha derrota, polo que deberán remontar o vindeiro venres 21 no Municipal

Sergio Pérez, no partido entre Teucro e Ángel Ximénez no Municipal Diego Torrado

Exercicio de supervivencia o posto en práctica pola Sociedad Deportiva Teucro no partido de ida da terceira eliminatoria da Copa do Rei disputado este mércores en  Torrelavega.

Os azuis visitaban ao conxunto cántabro, sétimo clasificado da División de Honra Prata, e facíano repletos de baixas. Con Juan Quintas, Iván Fernández e Dani Hernández lesionados e Davor Cutura tamén na casa por un proceso gripal, só viaxaron 12 xogadores na expedición teucrista, e Cangiani e  Moyano facíano para completar a convocatoria ao non atoparse tampouco en plenas condicións.

Complicado panorama pois para os de Luís Montes, cunha rotación de apenas 10 homes. Con todo durante gran parte do choque sobrepuxéronse para levar a iniciativa.

Sergio Pérez e Samuel Pereiro, con 5 e 4 goles na primeira metade, asumiron a responsabilidade ofensiva a pesar das imprecisións do equipo nesta parcela. Tampouco o Torrelavega daba coa tecla e custáballe atacar o 6-0 defensivo do Teucro.

Tras un roubo de Sergio que supuxo un gol en contraataque (3-5) os locais pedían tempo morto. Chegaron a igualar o marcador (9-9) cos pontevedreses acumulando preto de 7 minutos sen anotar, pero reaccionando para chegar ao intermedio en vantaxe (10-11).

O duelo xogábase ao ritmo pausado que querían os de Luís Montes, concientes do seu curto banco e buscando aforrar forzas. Iso non impediu que tras unha boa saída, con goles de Pereiro e Fischer, conseguiran un esperanzador 10-13. Pintaba ben o panorama, ata que un parcial de 5-0 dos cántabros deu a volta ao marcador (16-14) con 20 minutos por xogar.

Os erros e imprecisións sucedíanse, sen que ninguén conseguise romper o partido, e tras un tempo a remolque o Teucro nun arreón conseguía dominar (20-21). Faltaban só 5 minutos, demasiado para as xustas forzas teucristas que viron como o Torrelavega no impulso final conseguían non só gañar, senón marchar con dous goles de vantaxe, logrados ambos por Diego Cadelo desde 9 metros nos últimos instantes. 

Tocará remontar no partido de volta se os pontevedreses queren continuar vivos no torneo copeiro. O Pavillón Municipal ditará sentenza o vindeiro venres 21 de decembro (20:30 horas).

Consulta a acta do Torrelavega-Teucro na web da Real Federación Española de Balonmán.