Un serio e efectivo Pontevedra encoméndase ao balón parado para dobregar o Bergantiños (0-2)

Pontevedra
17 de xaneiro 2015

Os granates, vestidos nesta ocasión de azul, mostraron en Carballo a súa versión máis seria e efectiva para resolver o encontro na primeira metade con dúas accións de estratexia culminadas por Kevin Presa e Capi. O Bergantiños intentouno no segundo acto pero non logrou levar perigo á meta defendida por Edu

Partido entre Bergantiños e Pontevedra nas Eiroas PontevedraViva

Seriedade, traballo e estratexia. Eses ingredientes abondaron ao Pontevedra para impoñerse ao Bergantiños no difícil campo das Eiroas por cero goles a dous.

Custoulle entrar ao partido aos granates, esta vez vestidos de azul, cuns primeiros minutos de batalla no centro do campo nos que só destacaban pequenos detalles de Roberto Piñeiro para os locais, inquietando nalgún saque de esquina pero sen chegar a poñer a proba a Edu.

Apenas chegaba o Pontevedra e o panorama non parecía gustar a Luisito, descontento coas protestas dun Mouriño que aos 22 minutos lle custaron ver o cartón amarelo.

Só cinco minutos despois o técnico granate, temendo unha expulsión, o cambiaba por Jacobo sen trastornar o esquema do equipo.

Pouco tardou o de Bueu en converterse en protagonista. Case na súa primeira acción, unha falta lateral envorcada ao costado esquerdo lanzada por el non a puido rematar Capi ao bordo da área pequena pero o rexeitamento chegou a Kevin Presa que, totalmente só, batía a Christopher para facer o primeiro gol.

O tanto quitoulle presión ao cadro lerezano, que comezou a chegar con máis frecuencia á área do Bergantiños cos de Carballo aínda lamentando o seu erro defensivo.

Froito dunha desas chegadas o Pontevedra forzou unha falta case idéntica á do primeiro tanto. De novo Jacobo botouna e noutro desaxuste defensivo dos locais, Campillo temperouna sen oposición para que Capi empurrase de cabeza a pracer facendo o segundo, co que se chegaría ao descanso.

Na reanudación os de Carballo adiantaron liñas en busca de recortar distancias e meterse de novo no encontro, cun Pontevedra que esperaba a súa oportunidade para sentenciar a contra. Non chegou nin unha cousa nin a outra.

O conxunto lerezano apenas levou perigo nestes segundos 45 minutos, pero tampouco pasou apuros para conservar a súa vantaxe, que só se viu comprometida en dúas ocasións illadas cun centro-chut de Moreira que golpeou no longueiro e nun disparo afastado do ex-granate que tamén se foi á madeira.

A nota negativa nos últimos minutos púxoa Capi, que se tivo que retirar lesionado con problemas musculares. No seu lugar entrou Bruno Rivada, debutando así en liga cun Pontevedra que se mantén con autoridade como líder da Terceira División.

BERGANTIÿOS FC (0): Christopher (1), Borja Facal (1), Aarón (1), Sergio (1), Álex Canedo (1), Germán (2), Moreira (2), Toni (1), Astray (1), Roberto Piñeiro (2) e Gonzalo (1).

Sustitucións: Denís (1) por Gonzalo, minuto 56. David García (1) por Toni, minuto 56. Pablo Garrido (2) por Astray, minuto 69.

PONTEVEDRA CF (2): Edu (2), Adrián (2), Campillo (2), Pablo (2), Capi (3), Kevin Presa (3), Tubo (1), Pedro García (2), Pablo Carnero (1), Mouriño (0), Anxo (1).

Sustitucións: Jacobo (2) por Mouriño, minuto 27. Centrón (1) por Anxo, minuto 60. Bruno (1) por Capi, minuto 74.

Árbitro: Uxío Caamaño Vázquez (Vigo), axudado nas bandas por Mosquera Goce e Davila Fernández. Amoestou a Christopher, Astray, Moreira e Gonzalo no Bergantiños e a Mouriño, Centrón e Capi no Pontevedra.

Goles: 0-1 Kevin Presa (min.30); 0-2 Capi (min.35).

Incidencias: Campo Municipal das Eiroas, Carballo, ante uns 350 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo ex-directivo do Bergantiños Pascual García.