Un renovado Poio Pescamar ponse en marcha

Poio
13 de agosto 2019

O equipo conserveiro iniciou este luns os adestramentos de pretemporada con seis caras novas, tres xogadoras do filial e outras seis que continúan un ano máis no equipo da Seca

Primeiro adestramento do Poio Pescamar Mónica Patxot

Con moitas caras novas e unha ilusión desbordada. Así se puxo en marcha o Poio Pescamar este luns no pavillón da Seca. O equipo vermello comeza a preparación para a próxima tempada na que soñan con clasificarse para o play-off que disputarán os catro primeiros clasificados e que a partir deste ano decidirá o campión de liga.

Desde que terminou a pasada campaña, o conxunto de Poio experimentou unha profunda renovación. O adestrador Dani Díaz renunciou por motivos laborais e o seu oco ocuparao este ano Raúl Jiménez, que terá a Carlos Santamaría como axudante. Tamén fixeron as maletas xogadoras que levaban varias tempadas no club como Jenny, Ceci ou Ale de Paz.

Pola contra, a entidade asegurouse a continuidade da gardameta Silvia Aguete, a canteirá Carol Agulla así como as ourensás Iria Saeta e Antía Pérez, a valisoletana Irene García e a brasileira Daniella Sousa.

Tamén estiveron presentes no primeiro adestramento da tempada as seis caras novas: Anna Escribano, Miriam Ruiz, Ana Rivera, Caridade García, Andrea Feijoo e Clara Rodríguez. Completarán o grupo esta tempada as canteirás Andrea, Inés e Iria.

O primeiro test de pretemporada terano as rojillas o 24 de agosto na cancha da Seca no primeiro partido de Copa Galicia contra o Leis, mentres que o inicio de liga está fixado para o 14 de setembro en Burela.