Un quinto campionato do Mundo completará o cartel do ITU Multisport Festival de tríatlon en 2019

Pontevedra
09 de xuño 2017

O Campionato do Mundo de 'aquabike' únese ás competicións xa confirmadas, que congregarán a máis de 4.000 deportistas na cidade durante 10 días. Este venres conformouse o Comité Organizador da proba, que entre outras cousas escolleu a súa mascota oficial 

Constitución do Comité Organizador do ITu Multisport Festival Mónica Patxot

O ITU Multisport Festival de tríatlon, que se celebrará en Pontevedra no ano 2019, engadiu unha disciplina máis á xa importante nómina de campionatos que supoñía.

Ademais dos campionatos do Mundo de tríatlon de longa distancia, tríatlon cros, dúatlon e aquatlón, agora súmase ao festival a disciplina de 'aquabike', que estará composta por unha carreira con 3.000 metros de natación e 120 quilómetros de ciclismo.

Esta modalidade "non terá carreira elite pero si grupos de idade", explicou o alcalde de Pontevedra tras a constitución do Comité Organizador do evento, no que tamén participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a secretaria xeral para o deporte, Marta Míguez,  e os presidentes das federación española e galega de tríatlon, José Hidalgo e Óscar Surís.

Trátase dos primeiros pasos na organización do  "proyecto más ambicioso y complejo al que nos hemos enfrentando organizativamente desde la Federación", recoñeceu Hidalgo. 

Non será para menos, e é que segundo as previsións iniciais que se manexan o ITU Multisport Festival atraerá a Pontevedra "máis de 4.000 deportistas" durante dez díaz, unha cifra de afluencia que sumada a adestradores ou acompañantes fai que a cidade se vaia a quedar pequena e que "vaia afectar a toda a provincia e tamén a Galicia", explicou o alcalde.

Entre as primeiras decisións que tomou o Comité Organizador está a elección da que será a mascota do evento, un loro con carga multicolor que pasa por ser "o neto deportista de Ravachol" e ao que aínda deben bautizar.