Un Pontevedra sen actitude obrígase a remontar tras caer fronte a un Rápido de Bouzas superior (2-3)

Pontevedra
06 de xaneiro 2016

Un golazo e un cargamento de agasallos ao contrario. Resumo dunha tarde de Reis na que o Pontevedra exerceu de Rei Mago, colmando de presentes ao Rápido de Bouzas ao que se non regalou a eliminatoria, se polo menos puxo moi costa arriba a súa propia continuidade na Copa Federación  

Partido de Copa Federación entre Pontevedra e Rápido de Bouzas en Pasarón Diego Torrado

Un golazo e un cargamento de agasallos ao contrario. Resumo dunha tarde de Reis na que o Pontevedra exerceu de Rei Mago, colmando de presentes ao Rápido de Bouzas ao que se non regalou a eliminatoria, si polo menos puxo moi costa arriba a súa propia continuidade na Copa Federación, como consecuencia da falta de intensidade e concentración coa que os granates afrontaron o partido, o que lles obriga a unha remontada sempre complicada no Baltasar Pujales, o próximo 21 de xaneiro.

Se Luisito vén avisando insistentemente da necesidade de non baixar a garda en ningún partido, xa que se o fas podes ser superado por calquera rival, os seus xogadores tiveron nesta ocasión un exemplo claro de que as palabras do seu adestrador son acertadas.

O técnico recorreu a bastantes dos xogadores que dispoñen de menos minutos en liga, pero o seu rendemento foi decepcionante na maior parte dos casos e a consecuencia unha derrota dura, pero merecida, que debe servir de aprendizaxe para non infravalorar a ninguén, nin sacar peito do excelente momento que atravesa o equipo, froito unicamente do traballo en cada partido, non da escasa actitude mostrada fronte a un moi digno Rápido de Bouzas, que mereceu gañar e fíxoo mesmo por un resultado demasiado curto para o ofrecido por uns e outros.

Se os comezos do primeiro tempo parecían aventurar un partido claro e ata cómodo para o Pontevedra, esa sensación esfumouse pronto. Xusto o tempo que tardou a tripleta de arriba, Miki, Pablo Carnero e, en menor medida, Tubo, en desconectarse do xogo colectivo, inhibíndose na presión sobre a saída de balón do contrario, e sen dar opcións aos seus compañeiros da medular na construción de xogo.

Os locais puideron marcar pronto. O seu dominio traducíase en chegadas que acababan con frecuencia en saques de esquina. Nun deles puido marcar Pablo. O seu remate de cabeza sacouno baixo paus a zaga visitante, con Ferre batido.

Aos poucos o Pontevedra foi cedendo no seu empuxe inicial, como convencido de que o rival caería polo simple paso dos minutos. Dese modo o partido foi perdendo intensidade na mesma medida que o Rápido de Bouzas empezaba a atoparse máis cómodo sobre o rápido cesped e non tan esixido nas accións ofensivas granates.

Froito dese adiantamento de liñas dos boucenses chegaba o gol da noite e posiblemente un dos máis espectaculares da tempada. Pedro García, para o que non hai partidos intranscendentes en canto á intensidade que pon en cada acción, recibe un balón no círculo central, tras roubo defensivo. Era o minuto 27. Tiña a opción dunha contra tres para dous, pero levantou a cabeza, viu adiantado a Ferre e desde máis de 50 metros lanzou un sensacional disparo bombeado que se coou directamente na meta visitante.

Pero lonxe de dar pausa e tranquilidade aos de Luisito, o gol terminou por acentuar os problemas xa apuntados de falta de tensión de moitos dos xogadores. E o Rápido de Bouzas aproveitouno. Primeiro para chegar varias veces pero disparar de forma inocente. Fixérono Gustavo Souto e Youssuf, desviado. Logo Vilas, obrigando a Lloves a despexar cos pés o seu perigoso remate.

Todo iso no últimos dez minutos antes do descaso. Ata que na última xogada do primeiro tempo chegaba o empate. A "caraja" defensiva termina cun derribo discutido de Pablo a Carlos Pereira. O árbitro sinalou un penalti protestado e o mesmo Carlos Pereira enganou a Lloves establecendo un empate con certa polémica, pero máis que merecido pola ambición e o mellor xogo visitante nesa fase do partido.

O sucedido na segunda parte foi sinxelamente para esquecer por parte do Pontevedra. Empeñados en non competir, ou en tirar a competición do modo máis lamentable, a gran maioría dos xogadores que vestiron a camiseta granate fixeron méritos máis que sobrados para que Luisito pense seriamente contar co seu concurso no que queda de tempada.

E o Rápido de Bouzas creéuno e non deixou de crecer. De nada serviu que o técnico local deixase a un ausente Carnero no vestiario para dar entrada a Borjas, que o tentou sen apenas axuda. Os erros defensivos, as faltas de concentración e de intensidade na disputa, foron claro sinal do que sucedería.

Avisou Carlos Pereira nunha falta lateral que Iago Paz peitearía alta, para repetir acción apenas un minuto despois (51). A pasividade defensiva permitía que de novo Iago Paz adiantásese, esta vez con máis acerto, para chegar antes que Lloves e marcar o 1-2.

Cos papeis investidos e o Rápido de Bouzas sendo moi superior en esforzo e actitude, a ferida local fíxose maior. Primeiro Queijeiro íase á ducha antes de tempo, tras ver dúas amarelas excesivas, obsequio dun mal árbitro, pero que nada tivo que ver no desastre granate. Logo Carlos Pereira certificou a súa condición de mellor xogador do partido, aproveitando o enésimo erro defensivo local para plantarse ante Lloves (minuto 80), enganándoo para facer un sorprendente e doloroso 1-3.

Arranxouno a medias Borjas, con Pedro García dos poucos que se salvan do desastre, rematando axustado ao pau un bo pase atrás do debutante Teti (minuto 83). Logo seguiu o "festival do humor" e o Rápido de Bouzas foise con vantaxe, pero pode lamentar na volta non sentenciar a eliminatoria, xa que ocasións tivo para iso.

PONTEVEDRA CF (2): Lloves; Miguel, Pablo, Bruno, Anxo; Pedro García, Queijeiro; Tubo, Tomás (Jacobo, minuto 57), Miki (Teti, minuto 71); e Pablo Carnero (Borjas, minuto 46).

CLUB RÁPIDO DE BOUZAS (3): Ferre; Pablo Fernández, Portas (Toni, minuto 66), Ross, Cotilla; Sergio Santos, Iago Paz; Vilas (Marcos Pérez, minuto 60), Carlos Pereira, Youssef; e Gustavo Souto (Manu, minuto 74).

Árbitro: Alain Kevin García Martín (Santiago), auxiliado nas bandas por Sergio Maldonado González e Jesús Calvelo Iglesias. Expulsou por dobre amoestación ao xogador local Queijeiro (minuto 73). Amoestou a Pedro García, Bruno, Tubo, Anxo e Miguel, polo Pontevedra, e a Marcos Pérez, polo Rápido de Bouzas.

Goles: (1-0) Minuto 27: Pedro García. (1-1) Minuto 45: Carlos Pereira, de penalti. (1-2) Minuto 51: Iago Paz. (1-3) Minuto 80: Carlos Pereira. (2-3) Minuto 83: Borjas.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Partido de "ida" dos oitavos de final de Copa Federación. Uns 1.000 espectadores. Unicamente habilitáronse para acceso do público as bancadas de Tribuna, situando nela aos abonados de Preferencia, e Fondo Norte, ocupado tamén polos abonados de Fondo Sur.